Presentación
Enviado por pablogulin a Lun, 15/10/2012 - 17:29O Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)
1. É a unidade encargada do deseño das accións da formación permanente do profesorado. Nel estarán integrados os asesores e asesoras especialistas que determine a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
2. Responsabilízase do deseño, coordinación e xestión da formación a distancia de todo o profesorado galego que exerce as súas funcións nos niveis educativos non universitarios.
3. Encárgase de deseñar e coordinar a formación do profesorado de Formación Profesional.
4. Responsabilízase da planificación e organización da formación permanente e presta un servizo de asesoramento e apoio ao profesorado no seu ámbito de actuación.
5. Depende funcionalmente da dirección xeral da que dependa o Servizo de Formación do Profesorado e organicamente da xefatura territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. correspondente.
6. Estará integrado polo persoal docente e de administración e servizos que se determine.
MISIÓN
Promover o desenvolvemento profesional do profesorado para a mellora da práctica educativa, ofertando accións formativas diversificadas, dinámicas e innovadoras, que dean resposta ao dereito e á obriga de todo o profesorado á súa actualización científica, didáctica e relacional.
VISIÓN
Ser un lugar de referencia para o fomento e intercambio de coñecemento, para a innovación pedagóxica, para os recursos dispoñibles no desenvolvemento das accións formativas, buscando a calidade nos servizos prestados, a implicación e satisfacción de todos os axentes que interveñen, na procura da mellora das competencias profesionais docentes.
VALORES
Estimular o carácter dinámico e innovador co obxectivo de estar á vangarda das últimas tendencias metodolóxicas e tecnolóxicas.
Compromiso coa calidade formativa a través da implantación e desenvolvemento de sistemas de xestión dirixidos á mellora continua, acordes a modelos internacionalmente aceptados.
Funcións do Centro Autonómico de Formación e Innovación.
a) Coordinar o deseño das accións formativas que integran os plans anuais de formación.
b) Seleccionar e adaptar contidos para contornos educativos dixitais.
c) Deseñar e desenvolver a formación a distancia.
d) Deseñar e coordinar a formación do profesorado de Formación Profesional.
e) Desenvolver e avaliar proxectos de investigación e innovación educativa.
f) Promover a elaboración de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.
g) Promover a innovación e as actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado.
h) Colaborar con outras institucións en accións relativas á formación permanente e á innovación educativa.
i) Detectar e recoller as necesidades e demandas de formación nos centros educativos do seu ámbito de actuación e propoñer iniciativas e accións formativas que as satisfagan.
j) Proporcionarlle ao profesorado, especialmente do seu ámbito territorial, un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.
l) Calquera outra que a administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.