Título node Learning object
[actualizado o 1/12/2016]
Ficha técnica
Institución:
Consellería de Medio Rural e do Mar
- Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes [extinta]
Definición: fomento do coñecemento da multifuncionalidade do monte, da súa xestión sustentable e da importancia dos montes veciñais en Galicia.
Temporización: curso completo.
Alumnado ao que vai dirixido: primaria e ESO
Límite de centros participantes: 12
Criterios de selección:
- Distribución territorial equitativa de acordo coa organización dos distritos forestais, priorizando os que teñan máis montes veciñais en man común.
- Centros educativos no medio rural.
- Multidisciplinariedade do proxecto presentado.
- Proposta de achegamento mediante investigación (visitas, charlas, entrevistas) á realidade dos montes galegos e ás actividades que neles se producen.
Responsable do programa:
Nome: Ana Sanjuás Salmonte / Carlos González Andrés
Departamento: Confemadera Galicia / Servizo de Montes Veciñais en Man Común e Estruturas Forestais
Teléfono: 679 642 667 / 981 546 129
Correo electrónico: omonteeanosavida@maderasdegalicia.com / carlos.gonzalez.andres@xunta.es
Xustificación
En Galicia existen ao redor de 1.300.000 ha de monte cuxa propiedade ostentan 675.000 familias, ás que se suman outras 700.000 ha de monte veciñal en man común, cuxa titularidade corresponde a unhas 190.000 familias a través das comunidades veciñais das que forman parte.
Son dous terzos da superficie galega cunha gran repercusión sobre a economía do medio rural e sobre a competitividade do sector industrial forestal de Galicia. Polo tanto, unha adecuada xestión dos montes é clave para o desenvolvemento da sociedade galega.
Nun futuro máis ou menos próximo, o alumnado que se atopa na actualidade en idade escolar deberá asumir a responsabilidade de xestionar estes montes e poñelos a producir. É unha gran responsabilidade polas repercusións sobre a economía galega, ademais dos beneficios indirectos que os montes lle proporcionan á sociedade. Dado que o ciclo produtivo no sector forestal é moi longo, considérase importante que o alumnado se conciencie do reto que deberá afrontar no futuro e comece a preocuparse pola xestión que están a facer os seus maiores deses montes cuxa xestión herdarán.
Obxectivo xeral
A través deste programa búscase:
- Fomentar o coñecemento da multifuncionalidade do monte. O coñecemento da importancia da función económica, social e medioambiental polo alumnado, fundamental para que fomentar o respecto polo monte.
- Fomentar o coñecemento da xestión sostible do monte. A adecuada xestión do monte é moi importante co fin de compatibilizar a súas funcionalidades medioambientais, sociais e estéticas, cuxos beneficios intanxibles son aproveitados por toda a sociedade, cos lexítimos beneficios directos que lle corresponden aos seus titulares. Neste apartado afondarase nas distintas ferramentas que existen para a xestión sostible do monte. Explicaraselle ao alumno en que consiste a certificación forestal como ferramenta para a xestión forestal sostible.
- Divulgar a importancia dos montes veciñais en Galicia. Os montes veciñais en man común son unha forma de propiedade moi estendida en Galicia e cun gran potencial dende o punto de vista forestal e medioambiental. Nesta epígrafe búscase afondar no coñecemento do funcionamento destas comunidades e na importancia que teñen no sector forestal galego.
Palabras clave
Medio ambiente. Recursos forestais.
Metodoloxía recomendada
Como punto de partida, propóñense as seguintes cuestións: de onde veñen os mobles de madeira que hai na aula ou os libros cos que estudamos? Que actividades económicas, sociais e ambientais se desenvolven no monte da miña localidade? Que produtos madeirables e non madeirables se extraen dos montes galegos? Como funcionan as comunidades de montes en man común? Como se poden mellorar? Por que é importante ter un plan de xestión nos montes galegos e que opcións hai? Con quen compiten os produtos dos nosos montes? É un mercado local ou internacional? Que montes herdaremos e que están facendo neles os nosos pais? Que industrias forestais traballan na nosa comarca?
Temporización
A temporización abarca todo o curso escolar.
Actividades e recursos
Para acadar estes obxectivos o profesorado ten ao seu dispor:
- Material didádcico: guías didácticas sobre o monte galego:
- Guía do profesorado: presentación
- Unidade didáctica 1: Valores medioambientais do monte galego
- Unidade didáctica 2: Aproveitamentos e valor social e económico do monte
- Unidade didáctica 3: Manexo, xestión e ordenación do monte
- Unidade didáctica 4: Ameazas do monte
- Unidade didáctica 5: Que podes facer ti? Conservación e mellora
- Charlas divulgativas en liña, recuperables a través da rede:
- charla emitida en streaming o 17/11/2016
- Saídas: visitas a empresas do sector da madeira da súa contorna.
- Concurso: participación no concurso 'O Monte é a nosa vida' de Confemadera Hábitat Galicia, con premios para os centros e para o alumnado participante.