A Xunta destaca na entrega dos premios ‘Consumópolis’ o papel do ensino no fomento do consumo responsable
A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios deste concurso escolar, coordinada polo IGC
Máis de 1.200 estudantes galegos participaron no certame, que na súa oitava edición leva por lema “Adéstrate ben para un consumo responsable”.
O CEIP Lourido de Poio, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte e o IES Manuel García Barros da Estrada foron os primeiros clasificados nas tres categorías establecidas, todos eles participantes no Plan Proxecta
Os gañadores en cada unha das categorías representarán a Galicia na fase nacional do certame, organizada polo Instituto Nacional de Consumo
A iniciativa forma parte do proxecto educativo da Escola Galega de Consumo, que proporcionou formación de forma directa a máis de 12.000 persoas
A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis. No acto, ambos salientaron a importancia do ensino e da formación para a protección dos dereitos dos consumidores e usuarios, e apuntaron que iniciativas coma esta permiten avanzar de forma efectiva na educación para o consumo, convidando aos escolares á reflexión utilizando como medio a creatividade e as TIC.
Así mesmo, Sol Vázquez, presidenta do IGC e directora xeral de Comercio, apuntou a aposta decidida da Xunta de Galicia polo proxecto educativo que está a desenvolver a Escola Galega de Consumo, que proporcionou formación directa a máis de 12.000 persoas en 2012 a través dos distintos programas que pon en marcha ao longo do ano.
Máis de 1.200 escolares galegos de primaria e secundaria participaron este ano en Consumópolis, coordinado en Galicia polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o que supón duplicar a participación da anterior edición. Este ano a participación fíxose principalmente, de xeito coordinado, a través do Plan Proxecta. Polo tanto, e tal e como salientou o director xeral, os oito centro premiados son participantes neste plan coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, preto de 190 equipos de toda a comunidade traballaron na segunda fase do certame, que este ano chega a súa oitava edición baixo o lema “Adéstrate ben para un consumo responsable”.
Cada un dos equipos elaborou un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, relacionando consumo e deporte, con temas como a compra de materiais deportivos ou os valores do deporte e o consumo responsable. No caso do alumnado de primaria, o proxecto consistiu nun calendario escolar, mentres que o alumnado de secundaria elaborou un cartel con viñetas.
Na fase autonómica establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos de cada categoría dotados con 1.000, 600 e 300 euros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os gañadores representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo. Na categoría de 3º ciclo de primaria clasificouse en primeiro lugar o CEIP Lourido, de Poio (Pontevedra), seguido polo CEIP Santa Rita de Galdo (Viveiro, Lugo), e o CEIP Froebel de Pontevedra. No que respecta á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro clasificado foi o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, e o IES Carlos Casares de Vigo e o CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo) recibiron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.
Na categoría de 3º e 4º da ESO, clasificouse en primeiro lugar o IES Manuel García Barros, da Estrada, mentres que o CPR Plurilingüe Abrente de Portonovo quedou segundo e o IES As Barxas de Moaña se clasificou en terceiro lugar.
Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.