Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

Ata 60 centros de infantil e primaria recibirán formación e asesoramento para elaboraren curtas de animación en galego co seu alumnado

A todo o profesorado participante neste programa recoñeceránselle 12 horas de formación permanente se a curta que crean alcanza os mínimos de calidade establecidos

Ademais, concederáselle a certificación de Premio de Innovación Educativa aos docentes que participen na elaboración da mellor curtametraxe nas categorías de educación infantil, primeiro ciclo de primaria e segundo ciclo de primaria

Mar, 05/02/2013 - 12:18
Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüí
Cultura e Educación convoca a segunda edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca unha  nova edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora. As bases poden consultarse no web www.xunta.es/linguagalega  e no portal www.edu.xunta.es.

No marco deste programa, o profesorado dos centros públicos que impartan educación infantil ou primaria recibirá formación e asesoramento para elaborar unha curta de animación coa técnica stop-motion a partir dun dos 14 contos que lles fará chegar OQOeditora. Os traballos elaborados participarán nun concurso do que se seleccionarán os mellores de cada unha das categorías establecidas: infantil, primeiro ciclo de primaria e segundo ciclo de primaria. Os centros gañadores recibirán un lote de libros de OQO, un regalo fornecido pola CRTVG e mais unha certificación de Premio de Innovación Educativa expedido polo departamento educativo da Xunta de Galicia.

Todas as curtas que realice o alumnado poderán verse no web da CRTVG e as premiadas serán emitidas pola televisión sempre que a súa calidade técnica o permita.

O prazo para a presentación das solicitudes de participación remata o 1 de marzo de 2013 e o prazo para entregar as curtametraxes na Secretaría Xeral de Política Lingüística, o 30 de abril de 2013.

Novidades da convocatoria

A principal novidade da convocatoria deste ano -establecida tras constatar o inmenso traballo que require e os excelentes resultados que dá Nós tamén creamos! en termos de actualización e mellora da calidade educativa- consiste en recoñecerlles 12 horas de formación permanente, non só ao profesorado participante na elaboración das tres curtas gañadoras, senón a todos os docentes implicados no programa, sempre que entreguen en prazo unha curta que cumpra cos requisitos mínimos de calidade establecidos polo xurado.

Ademais, concédeselles unha certificación de Premio de Innovación Educativa, expedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aos profesores e profesoras participantes na confección das curtas gañadoras; amplíase a 60 o número de centros que poden participar; simplifícase o proceso de inscrición; establécese unha duración máxima de 5 minutos para as curtas e a participación baixo plica.

Lingua galega, lectura, TIC e medios de comunicación

Os obxectivos principais do programa Nós tamén creamos! son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC...), favorecer a aprendizaxe e o uso do galego en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio no idioma propio de Galicia que lles ofrece aos cativos a TVG.

Paralelamente, Nós tamén creamos! fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todos isto convérteo nun programa moi completo e promotor da innovación educativa.

Esta acción está en liña con outras que centran as liñas prioritarias de acción da Consellería e Educación, coma o fomento do hábito lector -que se desenvolve fundamentalmente a través do Plan LÍA 2012/2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe-, a promoción da sociedade da información –que se realiza fundamentalmente mediante o proxecto Abalar- ou o fomento do galego, que, nos centros educativos, se leva adiante, sobre todo, a través dos equipos de dinamización da lingua galega.