Título node Learning object

Xogade
Mér, 16/07/2014 - 11:00
[actualizado o 27/04/2016]
 

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Presidencia da Xunta de Galicia
    • Secretaría Xeral para o Deporte
    • Fundación Deporte Galego

Ámbito: saúde / actividade física
Definición: fomento e consolidación de hábitos físico-deportivos saudables mediante a participación en actividades deportivas.
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: primaria e ESO
Límite de centros participantes: non hai límite

Criterios de selección:

  1. Adecuación do proxecto á finalidade, aos obxectivos e aos contidos do programa.
  2. Calidade do proxecto presentado.

Responsable do programa:

Nome: Miguel Rodríguez del Corral
Departamento: Fundación Deporte Galego
Teléfono: 881 996 376
Correo electrónico: miguel.rodriguez.corral@xunta.es

Xustificación

O Plan de Fomento de Actividade Física Galicia Saudable establece entre as súas prioridades, e fronte aos prexuízos derivados do sedentarismo, o incremento da actividade física en idade escolar, tanto no centro escolar (dentro e fóra do currículo) coma fóra del. Con este programa, preténdese difundir entre a comunidade educativa a necesidade de levar unha vida activa e propiciar que os nenos e as nenas incrementen a súa carga de actividade física realizada no ámbito do centro educativo, experimentando novas formas e modelos para conseguir unha condición física máis saudable e adoptando uns hábitos de vida máis activos.

Obxectivo xeral

O programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar) ten como finalidade que a actividade física chegue a ser un hábito diario na nosa poboación escolar, orientando a súa práctica non soamente cara o deporte competitivo, senón cara a unha actividade física, exercicio físico ou deporte orientado para a saúde, mantendo estes hábitos físico-deportivos saudables e de vida activa, adquiridos na idade escolar, ata a vellez. Por iso é clave a súa práctica desde a infancia nos ámbitos educativo e familiar, fundamental para o futuro estilo de vida e a consolidación de hábitos físico-deportivos saudables.

As modalidades de Xogade incluídas dentro do Plan Proxecta son as correspondentes a "Actividade Deportiva" e "Móvete+", ofertadas para o curso educativo en vigor.

Na "Actividade Deportiva" conviven 21 modalidades diferentes con actividades de carácter local, provincial e autonómico na maioría dos casos. Cada modalidade deportiva posúe unha normativa específica. A participación en cada modalidade deportiva irá acorde á seguinte táboa de idades (considerada orientativa) para o curso 2015-2016:

  1. Benxamín: 2009-2005
  2. Alevín: 2002-2003
  3. Infantil: 2002-2001
  4. Cadete: 2000-1999

As 21 modalidades previstas son: Atletismo en pista, Bádminton, Baloncesto, Balonmán, Béisbol e sofbol, Campo a través, Duatlón, Fútbol sala, Judo, Loita, Natación, Natación sincronizada, Orientación, Patinaxe artística, Taekwondo, Tenis de mesa, Triatlon, Voleibol, Xadrez, Ximnasia rítmica, Xogando co atletismo.

En conxunto, Xogade está composto por 6 subprogramas distintos: (1) Actividade Deportiva, (2) Actividade Lúdica, (3) Coñece o meu club, (4) Educación, Deporte e Valores, (5) Móvete+ e (6) Xogos Populares. De todos estes subprogramas, selecciónanse dous para a súa inclusión dentro do Plan Proxecta: “Actividade Deportiva Escolar” e “Móvete+”. O resto dos subprogramas non son obxecto desta convocatoria, e  desenvólvense a través da súa canle propia na Secretaria Xeral para o Deporte:  http://www.deporteescolargalego.com/

Palabras clave

Deporte escolar. Hábitos de vida saudable. Xogo.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO, PARA O PROFESORADO, PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Incrementar a participación nas diferentes modalidades deportivas fomentando as actividades físico-deportivas nas poboacións escolares.
  • Facilitar, a través da participación no programa, unha programación anual de actividades físico-deportivas para realizar no centro educativo, como continuidade, preparación ou complemento do programa Xogade.
  • Beneficiarse do gran potencial educativo e formativo que nos proporciona a práctica deportiva, empregando a competición, o xogo... como forma para canalizar as necesidades dos nosos escolares. Trátase de educalos para saber competir sacando o máximo proveito desta actividade, non só a nivel de rendemento deportivo, senón a nivel persoal (saber gañar, saber perder, respecto ás regras e aos contrarios, xogo limpo, esforzo persoal e colectivo, a forza da colectividade/equipo, etc).
  • Impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte e a actividade física.
  • Manter e mellorar o estado de saúde a través da adquisición de hábitos de vida activos e saudables.
  • Permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos das diferentes modalidades deportivas, así como o desenvolvemento das cualidades físicas necesarias para poñelas en práctica.
  • Transmitir hábitos, actitudes e valores como a tolerancia, o respecto polos demais e polas regras, o esforzo de superación, a cooperación, a confianza, etc.
  • Potenciar o xogo limpo e a deportividade.
  • Ofrecerlles aos escolares a oportunidade de participar xunto outros escolares galegos, en eventos nacionais con seleccións de diferentes comunidades autónomas.
  • Axudar e apoiar a aqueles escolares que polas súas cualidades, o seu esforzo e o seu traballo diario necesitan dar un paso máis cara a diante na práctica deportiva.
  • Fomentar as relacións entre as diferentes pezas da engrenaxe deportiva, como os clubs, as agrupacións deportivas escolares e as federacións cos centros escolares, co fin de ofrecerlle ao noso alumnado un maior aproveitamento dos recursos existentes na nosa comunidade de cara á práctica deportiva, independentemente do obxectivo recreativo, saudable ou de rendemento que busquen.
  • Dotar o escolar de competencia motriz que lle permita adaptarse a varias situacións da práctica non só lúdica e deportiva senón tamén da súa vida diaria.
  • Favorecer o uso das novas tecnoloxías da información para o traballo por proxectos en materias transversais e de promoción de actividade física e saúde.

 

Temporización

 

A temporización abarca todo o curso escolar, pero a concreción no tempo pode variar en función da modalidade deportiva competitiva elixida.

Actividades e recursos

Vinculación co Plan Proxecta

A vinculación do programa Xogade coas liñas estratéxicas do Plan Proxecta é clara. Como xa citamos, un dos obxectivos xerais do programa Xogade é promover a educación en valores a través do potencial educativo do deporte ofrecendo recursos metodolóxicos para o ensino dos valores inherentes ao deporte en distintas actividades escolares e na vida diaria.

Xunto coa memoria final, os centros participantes deberán entregar un produto (web, blogspot, ligazón) de difusión do seu traballo. Este produto debe recoller o traballo do proxecto na modalidade na que se participa (investigación, preparación, realización-participación, avaliación), integrar as novas tecnoloxías e mais a participación activa dos escolares.

Vinculación coas competencias clave

E no referente á adquisición das competencias clave, o enfoque do noso programa ten cabida en todas elas:

  1. Comunicación lingüística, a través da adquisición de normas e o traballo globalizado.
  2. Matemática e competencia básicas en ciencia e tecnoloxía, axudando o desenvolvemento das capacidades perceptivo-motrices coas diferentes metodoloxías lúdicas.
  3. Dixital, a través do uso de aplicacións informáticas e das redes sociais como ferramentas para compartir coñecementos e experiencias, fomentado a creación de redes e microrredes de traballo.
  4. Aprender a aprender, á que se chega a través da consecución de vivencias que contribúan a crear e asentar hábitos de ocio activo, así como recursos básicos para que os participantes autoxestionen as súas prácticas.
  5. Sociais e cívicas, favorecendo os aspectos afectivos e sociais da súa personalidade.
  6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor, axudándolles a proxectar e ampliar os coñecementos nas actividades fisico-deportivas que realicen no seu tempo de lecer ao longo de toda a súa vida, sabendo que é o que fai e escollendo en función dos seus coñecementos, necesidades e intereses aquilo que lle pareza máis oportuno.
  7. Conciencia e expresións culturais, cos xogos populares e coñecementos sobre a cultura físico-deportiva.

Menús Learning object node R