Título node Learning object

O CPI do Toural (Vilaboa) e o CPR Madre de Dios (Barbadás) gañan os Premios Valores de Futuro da Fundación BBVA
Xov, 26/04/2012 - 09:25
Valores de Futuro

Os Premios Valores de Futuro (da Fundación BBVA) realízanse desde hai 3 anos en España e Portugal e van dirixidos a alumnado de 6 a 14 anos. A intención destes premios é valorar a iniciativa dos centros na formación en valores e na educación financiera do alumnado. A Comunidade Autonóma de Galicia tivo en todas as súas edicións unha alta participación. Os centros aos que se dirixe o programa son os localizados no contorno das capitais de provincia.

Na modalidade de secundaria, o centro premiado foi o CPI do Toural (Vilaboa) cun traballo titulado “Red Hand Day”, que se desenvolveu fundamentalmente con alumnado de 1º da ESO. O traballo deste centro pretendía concienciar sobre o traballo infantil e os dereitos do neno cunha proposta que reflectía a situación dos nenos da guerra e que procuraba estender a reflexión sobre a difícil realidade destes nenos a todo o centro escolar.

Como premio, o centro de secundaria representará a Galicia na final estatal, que terá lugar o 24 de maio. O alumnado participante recibirá ademais unha estancia nun campamento de emprendemento social e a matrícula para a realización do bacharelato internacional.

Na modalidade de primaria foi o CPR Madre de Dios (Barbadás) cun traballo titulado “¿Qué es el dinero para mí?”. Este traballo realizouse con alumnado do 1º e 2º ciclo de primaria co obxectivo de concienciar os máis pequenos do valor do diñeiro. Para conseguilo realizaron un xogo e un club do troco, actividades para coñecer como se produce a circulación do diñeiro, as moedas dos distintos países e outros aspectos que lles axudan a coñecer o valor da moeda en cada estado.

Como premio, o centro de primaria acollerá unha xornada de valores de futuro para presentar o traballo do centro dentro de toda a comunidade educativa. Ademais, cada alumno/a recibirá un xogo educativo para completar de xeito lúdico a súa formación no contorno familiar e mais unha edición especial de El Principito.