A Xunta reforza o traballo na área de tecnoloxías do Centro de investigación CINTECX, da UVigo, cunha inxección de máis de 825.000 euros

O secretario xeral de Universidade e o reitor da UVigo visitan o centro, que conta con 170 investigadores e é recoñecido como centro colaborativo da Rede CIGUS

Mar, 25/03/2025 - 14:48
CINTECX

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaron hoxe o Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da UVigo para coñecer o seu funcionamento e liñas de investigación. Este centro, ao que a Xunta de Galicia leva apoiado con máis de 825.000 euros, conta con 170 investigadores.

O CINTECX foi recoñecido en 2024 como centro colaborativo da Rede CIGUS, o que supón que está un paso máis próximo a ser nomeado centro excelente en vindeiras convocatorias, co fin de potenciar a bo traballo científico e a súa aplicación en sectores produtivos clave. Así o explicou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, quen fixo fincapé na inxección de 645.000 euros dentro desta convocatoria de apoio a centros excelentes do Sistema Universitario Galego. A maiores, o Goberno autonómico tamén fixo unha achega de máis de 180.000 euros para a adquisición de equipamentos. 

Este centro da UVigo traballa en dúas liñas de investigación prioritarias: as tecnoloxías asociadas ao hidróxeno verde e a fabricación aditiva. Así mesmo, conta con seis áreas tecnolóxicas aliñadas cos obxectivos do programa Horizonte Europa e cos sectores estratéxicos e emerxentes da Estratexia de especialización intelixente de Galicia: electrónica e automática, transporte, fabricación e materiais, enxeñería biomédica, enerxía e sustentabilidade e recursos naturais. Entre os fitos máis destacados do CINTECX atópase a posta en marcha de 37 proxectos cos que se captaron máis de 6M€ no 2024 ou a creación de seis spin-offs que xeraron 56 postos de traballo e unha facturación de case 3,5M€ o pasado ano, entre outros.