A Xunta planifica un investimento de 15 M€ para que a UDC constrúa o novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria EI3 no campus de Ferrol
Rueda asegura que esta medida busca consolidar este campus como un “referente” en eidos coma “o naval, os materiais, a robótica ou as enerxías verdes”
O conselleiro de Educación enmarca este edificio na aposta do Goberno galego pola “educación e o I+D+i” como “garantía de oportunidades para a mocidade”
Fíxase unha senda plurianual de financiamento para o período 26-28 a través do Plan de infraestruturas universitarias do Goberno galego e de fondos europeos
Atenderá tanto necesidades formativas de alta cualificación dos universitarios como dos profesionais da industria da comarca ao longo da súa vida
O persoal investigador e as empresas da contorna disporán no EI3 de equipamento baseado nos últimos desenvolvementos tecnolóxicos e técnicos
Goberno galego e UDC traballan tamén nun Plan integral de rehabilitación, mellora enerxética e humanización para edificios da Universidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai destinar “15 millóns de euros á posta en marcha” do novo Edificio de investigación e innovación na industria (EI3) que a Universidade da Coruña prevé construír no Campus Industrial de Ferrol. Unha medida coa que se busca “aproveitar todo o potencial” que ten este campus “que foi o primeiro en acadar o selo de especialización”.
O obxectivo, tal e como explicou Rueda, é consolidar este campus “coma un polo de innovación referente da industria” en áreas como “o naval, os materiais, a robótica ou as enerxías verdes”. Unha medida que, tal e como engadiu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, se enmarca “na aposta da Xunta pola educación e o I+D+i co fin de garantir oportunidades á mocidade” na comarca de Ferrolterra. “É un proxecto estratéxico para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico e industrial de Ferrol”, indicou.
O EI3 será unha infraestrutura singular no ámbito da enxeñería naval e industrial, aliñada polo tanto coas prioridades da zona, e contará co equipamento e co capital humano preciso para ser un polo de innovación da industria 4.0. O obxectivo é liderar iniciativas tractoras en áreas en que na actualidade está xa especializado o Campus Industrial de Ferrol como a robótica, materiais, enxeñaría naval e offshore, xestión de procesos industriais, xemelgo dixital, hidróxeno verde aplicado ao sector marítimo, etc...
Para garantir o desenvolvemento económico do proxecto, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP consignará para o EI3 un investimento de 5,6 M€ a través de dúas anualidades do Plan de infraestruturas universitarias, tal e como estaba previsto no acordo asinado no 2023, logo de que as dúas primeiras anualidades fosen autorizadas para poder destinalas a tarefas de mantemento en diferentes edificacións da UDC. A contía restante ata completar os 15 M€ necesarios canalizarase a través de fondos europeos.
Integración na arquitectura urbana
Rodríguez explicou que o novo edificio “suporá unha ampliación do campus e da súa capacidade investigadora e innovadora”. Estará situado na avenida de Esteiro, diante das facultades de Ciencias do Traballo e de Enfermaría e Podoloxía. Isto posibilitará que, desde o punto de vista arquitectónico, funcione como porta de acceso á propia Universidade, xerando unha maior relación entre o espazo residencial de cidade e o docente-investigador. Para iso, contará cun volume e altura concordantes coas edificacións da zona, pero cun carácter máis permeable. En concreto, disporá de seis andares de laboratorios, despachos de traballo colaborativo, salas comúns e outras instalacións; un andar baixo na entrada para recepción e outras dependencias, e dous sotos para aparcadoiros e almacéns.
Grazas ao EI3, o persoal investigador terá ao seu alcance nun mesmo espazo multidisciplinar todas as ferramentas necesarias, cos últimos desenvolvementos tecnolóxicos e técnicos desde o punto de vista da innovación. Isto dará resposta a Navantia, como referente empresarial, máis tamén ao resto da industria asociada a través da investigación aplicada e da transferencia de coñecemento a proxectos reais.
O conselleiro salientou que este centro ademais “atenderá as necesidades dos alumnos do campus e ofrecerá formación a profesionais da comarca”. Deste xeito, as empresas da contorna disporán de persoal altamente cualificado para un mercado cada vez máis competitivo e globalizado. Dado que o EI3 atenderá tanto a usuarios recorrentes como puntuais, contará con espazos de coworking e salas de traballo colaborativo que permitan a interacción adaptable a cada caso.
Sede do Centro Mixto con Navantia
O novo EI3 tamén albergará o Centro Mixto de Investigación da UDC e Navantia, un consorcio que arrincou en 2015 e permitiu optimizar a transformación dixital dos procesos do estaleiro. A Xunta -a través da Axencia Galega Innovación- leva investidos case 3 M€ nesta iniciativa, cunha mobilización de 8,6 M€. Entre os seus resultados, cabe destacar a incorporación das melloras acadadas á nova xeración de fragatas F-110.
Precisamente, o Campus Industrial de Ferrol é o único campus de España que conta, grazas a un acordo co Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) e Navantia, co software de Siemens, o que permite formar o persoal investigador e o alumnado no programa do xemelgo dixital con que o estaleiro constrúe as F-110 da Armada.
Aposta pola formación e a I+D+i
Esta aposta de futuro supón redobrar o esforzo investidor da Xunta na UDC en Ferrol, que foi o primeiro campus en lograr o selo de especialización como Campus Industrial. A esta tarefa a Consellería de Educación ten dirixido desde 2015 máis de 14 M€.
A Xunta incrementa así a súa aposta no eido formativo e investigador en Ferrolterra, onde máis de 7.500 mozos e mozas cursan estudos universitarios ou de FP. En concreto, o Campus Industrial de Ferrol suma 2.700 alumnos de grao, máster e doutoramento na cidade. Pola súa banda, o conxunto da comarca suma 4.866 matriculados en FP, un 8 % máis que no curso anterior, boa parte deles nos catro centros integrados.
Colaboración permanente Xunta-UDC
O impulso do EI3 é unha das principais liñas de traballo en marcha entre a Xunta e a UDC, que tamén inclúe dúas accións prioritarias. Por unha banda, a elaboración dun plan de equilibrio financeiro que contribúa a corrixir a situación da institución, herdada e posta de manifesto polo actual equipo reitoral na liquidación do orzamento de 2023.
Por outra parte, Goberno autonómico e Universidade traballan tamén nun Plan integral de rehabilitación, mellora enerxética e humanización que posibilite realizar unha serie de intervencións en edificios da UDC orientadas a facer fronte aos problemas de mantemento dos últimos anos. Tamén neste punto a Xunta de Galicia está comprometida coa Universidade para deseñar a vía económica precisa para executalo.