A Xunta proba ferramentas de intelixencia artificial que sexan útiles e seguras para empregar nas aulas

O conselleiro de Educación inaugura o Congreso ‘intelixencia artificial e educación’, que reúne a máis de mil docentes para achegarse a esta tecnoloxía

Trátase de utilidades para xerar esquemas e liñas de tempo, crear vídeos, un sistema de elaboración de situacións de aprendizaxe ou deseño de partituras, entre outros

O Goberno galego, inmerso na Lei de educación dixital, ultima o despregamento da IA no sistema educativo co proxecto EdugalIa, que conta cun orzamento de 16,5M€

Sáb, 22/03/2025 - 12:55
IA

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o Congreso Intelixencia artificial e educación. Retos e oportunidades no que participan máis dun millar de docentes. Esta xornada pretende achegar os conceptos fundamentais da intelixencia artificial ao profesorado, analizando as potencialidades e posibles aplicacións no ensino, así como os aspectos éticos e de responsabilidade do uso desta nova ferramenta.

Acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, o titular de Educación da Xunta fixo fincapé na importancia “de adiantarse e afrontar os novos retos tecnolóxicos que nos brinda”. Por iso, explicou, “na Xunta levamos tempo traballando na implementación da intelixencia artificial nas aulas, un reto que imos abordar decididamente co novo proxecto EdugalIA e coa Lei de educación dixital”.

O representante do Goberno galego avanzou que, actualmente, un grupo de docentes está a probar na nosa Comunidade ferramentas educativas de intelixencia artificial para coñecer a súa utilidade nas aulas. “Traballos coma este, que buscan validar a confianza e uso seguro de diversas solucións de intelixencia artificial para fins educativos, son a mostra do noso compromiso cun ensino de calidade”, engadiu.

“Este grupo de docentes examinan ferramentas, instrumentos e utilidades que hoxe proporcionan estas tecnoloxías e que queremos que estean no sistema educativo”, sinalou. Son, entre outros exemplos, ferramentas de creación de vídeos educativos, un sistema de elaboración de situacións de aprendizaxe, outro para a creación e edición de recursos con posibilidade de traballo colaborativo, instrumentos de deseño de partituras e materiais para música ou de xeración de esquemas e liñas de tempo.

Pioneiros en materias e xestión

Isto súmase ao proxecto EdugalIa, que conta cun orzamento de 16,5M€, 9,9M€ deles captados a través da Compra Pública Innovadora como a iniciativa educativa máis valorada de España nesta convocatoria. A través del, o Goberno galego despregará a intelixencia artificial na xestión do ensino para mellorar a equidade e calidade do sistema. Centrarase en melloras na gobernanza e no procesamento de datos para incidir particularmente na prevención do abandono escolar. Creará tamén o expediente dixital único do alumnado e establecerá un novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese, cun punto único de contacto.

Ademais, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en incluír na súa oferta educativa materias específicas de intelixencia artificial, que están xerando cada vez máis interese na comunidade escolar; conta cun manual ao respecto, e está elaborando un marco ético para o uso seguro e responsable desta tecnoloxía, entre outras iniciativas.

Relatorios con especialistas

O congreso ofrece ao profesorado participante a oportunidade de coñecer conceptos fundamentais da intelixencia artificial e da súa aplicación no ámbito educativo e propiciará o achegamento dos docentes ás ferramentas que empregan esta tecnoloxía e que son útiles para o seu labor académico. Así mesmo, tamén se analizan os aspectos éticos, de seguridade e legais relacionados co seu uso.

As persoas relatoras encargadas de achegar esta realidade aos docentes galegos son expertas en intelixencia artificial e amosan un abano moi amplo de visións pola diversidade de temas. Entre elas, atópanse a consultora Alba Meijide, a experta en implicacións éticas da IA na sociedade Lorena Fernández ou a divulgadora Nerea Luis. Tamén expertos en didáctica e tecnoloxías educativas como César Poyatos, Ibán de la Horra e Alberto e Mario Herraez, que achegan estratexias e consellos para o aproveitamento e uso responsable destas novas ferramentas na docencia.