A Xunta agradece a coordinación na resposta diante dos danos do temporal en centros educativos de Cangas e Moaña
O conselleiro de Educación reúnese con representantes municipais e dos centros afectados para avaliar a situación
O alumnado do IES de Rodeira poderá volver a clase o luns, así como o de Bacharelato do IES María Soliño que o fará nas instalacións deste outro centro
Por petición dos propios institutos, o alumnado da ESO do IES María Soliño seguirá as clases de xeito telemático a través de E-Dixgal
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Instituto IES de Rodeira, en Cangas, un dos afectados onte polo temporal de vento, onde se reuniu con representantes tanto deste centro como do IES María Soliño, o outro instituto que sufriu danos neste concello pontevedrés. Na visita estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, por representantes municipais e polos equipos directivos destes dous centros, así como da Escola de Educación Infantil do Con e do Colexio CEIP de Quintela de Moaña.
O titular do departamento educativo da Xunta quixo agradecer a responsabilidade e implicación de toda a comunidade educativa, equipos directivos, concellos, Unidade Técnica, Protección Civil e Corpos e Forzas de Seguridade para buscar a mellor solución posible. “Houbo unha moi rápida resposta, que vai minimizar o impacto educativo no alumnado desta situación excepcional”, destacou.
Así mesmo, o conselleiro salientou a importancia da coordinación, flexibilidade e comprensión de todos os implicados nesta circunstancia, “É moi importante para acadar unha resposta eficaz e eficiente” diante destes imprevistos, asegurou.
Tal e como explicou o persoal técnico, desde onte mesmo a Unidade Técnica e unha empresa construtora están traballando coa maior celeridade posible para garantir a seguridade na contorna de ambos os centros e avanzar nos arranxos. Con todo, o seu avance depende en boa medida das condicións meteorolóxicas.
En ambos os centros desprendéronse partes do tellado, incluíndo tanto a cubrición como o soporte, aínda que o IES María Soliño foi o máis afectado, con máis metros cadrados de cuberta desprendida, o que fai imposible que o alumnado volva ás aulas o luns no seu centro. Así as cousas, priorizaranse os traballos neste instituto para que poida retomar canto antes a súa actividade. No caso do IES de Rodeira, esta fin de semana traballarase arreo para que se poidan retomar as aulas o luns.
Os primeiros traballos consisten na retirada e limpeza do material estropeado, tanto no exterior como no interior. A continuación, procederase a repoñer o soporte e a cubrición, cun novo sistema de anclaxe reforzado (que xa se está a empregar nas cubertas novas), coa finalidade de minimizar o risco deste tipo de incidentes no futuro.
A prioridade é salvagardar as instalacións da entrada da choiva e, despois, avaliar e reparar os danos interiores en falsos teitos ou pintura, entre outros. Estímase que a duración total dos traballos poida ser de arredor de dúas semanas e media, en función da situación meteorolóxica, que está a complicar o desenvolvemento das obras.
Volta ás clases
No que atinxe á volta ás aulas, o alumnado do IES de Rodeira volverá con normalidade a clase no seu centro o luns. O alumnado de Bacharelato do IES María Soliño recibirá clase provisionalmente no IES de Rodeira, na quenda de tarde.
No caso do alumnado da ESO do María Soliño, a petición dos equipos directivos de ambos os institutos, continuarán estudando desde as súas casas a través do sistema E-Dixgal. Malia que a previsión inicial era que tamén asistiran ao IES de Rodeira, foron os propios centros educativos os que optaron por que nas dúas seguintes semanas estes estudantes non acudisen ao centro e seguiran as clases de xeito telemático, tras escoitar ás familias, que expresaron que preferían que os seus fillos non fosen a clase na quenda de tarde. Esta decisión será trasladada polo equipo directivo ás nais e pais.
Moaña
Na provincia de Pontevedra tamén resultou afectada a Escola de Educación Infantil do Con, en Moaña. Neste caso, a trintena de alumnos retomarán as clases o vindeiro luns nas instalacións do Colexio CEIP de Quintela, tamén no mesmo termo municipal.
O tellado deste centro resultou menos afectado, dado que só se desprendeu de forma parcial a cubrición e non o soporte. Polo tanto, procederase a intentar reparar canto antes as pranchas afectadas que non voaron para que non entre a auga na escola, para proceder despois á súa substitución.