A regulación da hora de ler, que se implantará en todos os centros educativos o próximo curso, contribuirá á mellora da competencia lectora
Román Rodríguez avanza que a Xunta está ultimando o funcionamento deste tempo diario de lectura que os colexios e institutos integrarán na súa programación diaria
Os centros estarán asistidos por unha rede de acompañamento, que os axudará ao encaixe dese espazo así como ao deseño dun plan de lectura con recursos específicos
A Xunta de Galicia está ultimando a regulación do funcionamento da hora de ler, que se implantará o próximo curso en todos os centros de Galicia e para todas as etapas educativas. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da apertura das xornadas do Plan de mellora das bibliotecas escolares de Galicia, que concentran en torno a un milleiro de responsables destes espazos para debater, analizar e poñer en común propostas de traballo e boas prácticas neste eido.
A implantación xeneralizada e sistemática desta hora de ler no sistema escolar galego é un dos eixos de actuación do Plan de reforzo da lectura incluído no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP co fin de avanzar no ensino do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumno, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades. Neste senso, Román Rodríguez salientou que esta hora de ler contribuirá ao reforzo da competencia lectora dos estudantes co obxectivo de “mellorar a súa comprensión e fomentar o pensamento crítico e a reflexión”.
Así pois, a partir de setembro, a hora de ler será “un espazo protexido no horario escolar e para todas as etapas educativas”, subliñou o conselleiro, que explicou que estará configurada como unha actividade sistematizada que abranguerá todas as áreas e materias do currículo de cada curso. Neste tempo, os docentes abordarán na aula diferentes xéneros e formatos como o escrito, o oral ou mesmo o multimodal, onde se combinan varios sistemas como imaxes, vídeos e sons.
Nestes momentos, a Consellería está traballando nas pautas para a implementación deste espazo nos centros, que tamén deberán organizar un plan de lectura, escritura e acceso á información. Para axudalos nesta tarefa, Educación porá á disposición dos centros unha rede de acompañamento, integrada por persoas mentoras, profesorado experto e asesores de bibliotecas e de formación do profesorado. Esta rede prestará apoio e asistencia para o encaixe dese tempo de ler no horario así como no deseño do plan de lectura, con guías de apoio e bancos de recursos para empregar na aula.
Por outra parte, convocarase tamén o vindeiro curso a Primeira Liga escolar de debate, concibida como un foro de discusión e diálogo de carácter formativo onde os alumnos reforcen as súas competencias lingüísticas e oratorias. Todas estas accións irán acompañadas dun itinerario formativo para os docentes que se materializará cunha nova liña específica dentro dos Plans de formación para o profesorado o vindeiro ano, así como dun reforzo do programa Observa-Acción, de intercambio de boas prácticas e aprendizaxe entre os centros educativos galegos.
Vinte anos do Plan de mellora de bibliotecas escolares
O conselleiro de Educación aproveitou a súa intervención nas Xornadas do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia, que este ano cumpre 20 anos de funcionamento, para agradecer o “traballo, a implicación, o esforzo e a motivación” de todas as persoas responsables de bibliotecas que fixeron posible, ao longo destas dúas décadas, que estes espazos sexan hoxe “un puntal indiscutible de aprendizaxe” nos colexios e institutos galegos como lugares “de coñecemento, creatividade e innovación” e nos que se traballa, especialmente, a atención á diversidade, a igualdade e a inclusión “que son sinais de identidade da calidade do noso sistema educativo”.
En palabras de Román Rodríguez, as bibliotecas escolares “foron os primeiros lugares que se anticiparon, con éxito, ao novo contexto tecnolóxico”, polo que agora “están chamadas de novo a demostrar o seu poder transformador”. Neste senso, comprometeuse a, desde a Xunta, seguir apoiando as bibliotecas escolares de Galicia a través do Plan de Mellora, que conta con 868 centros adscritos e cun investimento de 1,5 M€ por parte da Consellería, coa dotación de equipamentos, a adquisición de fondos bibliográficos, a reforma, ampliación e construción de novos espazos de lectura e o impulso de programas que hoxe son referentes como os Clubs de lectura, Radio na biblio, Bibliotecas solidarias ou Biblioteca creativa, entre outros.
Relatores de prestixio
O encontro do Plan de mellora de bibliotecas escolares congrega preto dun milleiro de persoas, principalmente responsables das bibliotecas escolares integradas neste programa, así como relatores de prestixio no panorama galego e nacional, para debater e compartir experiencias a través de obradoiros e relatorios.
Entre outros, participan Rosa Tabernero Sala, profesora de didáctica da Lingua e a Literatura da Universidade de Zaragoza, Montse Pena, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC, Piu Martínez, bibliotecaria, catalogadora, libreira e divulgadora especialista en álbum ilustrado e Vitor Villapalos, director-xerente da Sociedade Española de Documentación e Información Científica, que hoxe pechará o encontro.