A Xunta destaca a colaboración do Instituto Ramón Caamaño de Muxía cos sectores produtivos en prol da empregabilidade do alumnado de FP
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participa na xornada ‘Cociñamares’, onde lembra que este foi o primeiro centro en incorporar un proxecto de FP Básica na modalidade Dual Intensiva na comarca, en Cociña e restauración
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou hoxe a colaboración do Instituto IES Ramón Caamaño de Muxía cos sectores produtivos en prol da empregabilidade do alumnado dos ciclos formativos. Fíxoo na xornada Cociñamares, de degustación de produtos do mar organizada polo centro no marco do proxecto Sisargas, promovido pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte.
A representante da Xunta de Galicia lembrou que este centro foi o primeiro da Costa da Morte, e un dos primeiros en Galicia, en poñer en marcha un proxecto de FP Básica na modalidade Dual Intensiva, no título de Cociña e restauración, en colaboración cunha decena de empresas hostaleiras da comarca, todas elas de recoñecido prestixio. O obxectivo desta titulación é favorecer a inserción laboral do alumnado, dotando ademais a este sector dos profesionais cualificados dos que precisa para dar resposta á súa alta demanda de persoal.
“A colaboración co proxecto Sisargas demostra, unha vez máis, que o IES Ramón Caamaño está moi integrado no tecido socioeconómico da zona e que colabora de xeito activo con el, mellorando así as oportunidades dos seus alumnos”, afirmou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Sisargas pon en valor o traballo das mulleres do sector pesqueiro e das futuras profesionais da restauración, ao tempo que se enxalza a calidade e o valor nutricional do produto pesqueiro da Costa da Morte nun modelo de alimentación saudable.