Román Rodríguez felicita os alumnos do Instituto Ribeira do Louro logo de gañar un concurso internacional de emprendemento en Suecia
Subliña a “creatividade e o traballo en equipo” dos estudantes do Porriño que se reflicte na calidade do proxecto galardoado entre candidaturas de dez países
Presentaron unha idea de negocio de envases biodegradables para o tratamento dos residuos que xeran as cascaras dos froitos secos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicita os alumnos do Instituto IES Ribeira do Louro, do Porriño, que veñen de alzarse con primeiro premio do concurso internacional de emprendemento International Dragon’s Den, celebrado en Suecia, cunha idea de negocio de envases ecolóxicos biodeodegradables para as cáscaras dos froitos secos.
Durante a recepción ofrecida polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, na casa do concello, Román Rodríguez deulle os parabéns ás alumnas Beatriz Damunto e Nuria González, do ciclo medio de xestión Administrativa, que, xunto con Noa Rodríguez e Sergio Lage, estudantes de 1º de Bacharelato, foron os encargados de deseñar e implementar a proposta galardoada baixo a supervisión dos docentes Olga González (da área de Administración de Empresas) e Carlos Segade (de Economía), a quen tamén estendeu a felicitación.
O titular de Educación do Goberno galego subliñou a “creatividade e o traballo en equipo” destes alumnos que se reflicte na calidade do proxecto que foi merecedor do máximo galardón entre as propostas de 22 equipos de dez países: Suecia, Finlandia, Portugal, Italia, Dinamarca, Letonia, Lituania, Alemaña, India e España.
Aposta continua pola excelencia
O conselleiro animou aos estudantes e ao profesorado a seguir traballando “coa mesma intensidade e ilusión” e, deste xeito, contribuír ao “enriquecemento de Galicia como país”. Tamén salientou a importante aposta que desde fai anos realiza o IES Ribeira do Louro pola internacionalización, a innovación e a inclusión con iniciativas que garanten a igualdade de oportunidades e o emprendemento.
A proposta galardoada presentada en Suecia é o proxecto Eco Snack Bag da empresa ficticia Geeenpocket Solutions, baseado no deseño dun envase cen por cen biodegradable e de fácil uso que solventa os problemas medioambientais e doutro tipo que xeran as cascaras dos froitos secos que se tiran ao chan durante o seu consumo.