Título node Learning object

Centros de crise 24 h
Lun, 27/01/2025 - 14:46
Carta de servizo

A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, publicou a carta de servizo dos centros de crise 24 h para vítimas de violencia sexual de Galicia.

Os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual da comunidade autónoma de Galicia son recursos especializados abertos as 24 horas os 365 días do ano.

Os centros de crise da comunidade autónoma de Galicia prestan os seguintes servizos:

  • Acompañamento integral á muller vítima de violencia sexual na asistencia a outros recursos sanitarios, sociais, policiais ou xudiciais, impedindo a vitimización secundaria e acorde coas circunstancias, necesidades e demandas da muller.

  • Intervención psicolóxica especializada, orientada á crise e á redución/reparación das secuelas da violencia vivida, en función da demanda e necesidades das mulleres vítimas de violencia sexual.

  • Intervención social especializada, orientada ao asesoramento e á activación de recursos e redes de apoio social, trámites e asesoramento, incluída a orientación sociolaboral, en función da demanda e necesidades das mulleres vítimas de violencia sexual.

  • Asistencia xurídica especializada: información, orientación e asesoramento xurídico específico, en función da demanda e necesidades das mulleres vítimas de violencia sexual.

  • Apoio, información e asesoramento á contorna próxima da muller vítima de violencia sexual para que poida constituírse como acompañante reparador neste proceso.

  • Derivación e coordinación con outros recursos especializados, como centros de saúde/hospitais, servizos sociais, asociacións de apoio, entre outros.

  • Promover accións de sensibilización, divulgación, prevención e formación para a sociedade en xeral e aos sistemas clave na loita contra a violencia sexual (sistema educativo, xudicial, policial, social, etc.).

  • Participar en estudos estatísticos que permitan ter unha visión real da magnitude do problema

Persoal

Para a prestación destes servizos, cada un dos centros de crise conta co seguinte persoal:

  • 1 asesor/a xurídico/a
  • 2 traballadores/as sociais
  • 3 psicólogos/as
  • 1 auxiliar administrativo/a

Horario de atención ao público

A atención de emerxencia estará dispoñible as 24 horas durante os 365 días do ano.

Formas de contacto

Para realizar algunha consulta, as persoas usuarias poden contactar a través dos teléfonos 900 400 273 – 881 995 990 – 981 545 694, ou ben a través do correo electrónico dxviolenciaxenero.politicasocial@xunta.gal.

Localización

En Galicia hai 5 centros de crise 24 horas localizados nas seguintes cidades:

  • Ferrol: Hospital Novoa Santos (Estrada de Catabois 730, C.P. 15405, Ferrol, A Coruña)
  • Lugo: Hospital Universitario Lucus Augusti (Rúa Dr. Ulises Romero 1, C.P. 27003, Lugo)
  • Ourense: Punto de Atención Continuada (PAC)-Centro de Especialidades (Rúa do Concello 13, C.P. 32003, Ourense)
  • Santiago: Complexo Hospitalario Gil Casares (Rúa da Choupana, s/n., C.P. 15706, Santiago de Compostela, A Coruña)
  • Vigo: Hospital Álvaro Cunqueiro (Rúa Clara Campoamor, 341, C.P. 36312, Vigo, Pontevedra)

Máis información