A Xunta convoca por 29M€ axudas para grupos de investigación e eleva o investimento en marcha a 114M€
Trátase dun programa clave no financiamento da I+D+i galega, que beneficia actualmente a 427 equipos, unha cifra que supón un récord histórico
Poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador como a sufragar ferramentas de xestión do coñecemento ou material funxible, entre outros
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as axudas para grupos de investigación, unha convocatoria dotada con 29,1M€ para financiar o labor destas unidades dedicadas á I+D+i no período 2025-2029. Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para estes equipos elévase a 114M€ a través de cinco convocatorias plurianuais, todas en marcha, que permite a estas estruturas traballar con estabilidade.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP terá aberto ata o 24 de febreiro o prazo para solicitar estas axudas, que permiten a consolidación das unidades de investigación máis competitivas nas universidades públicas, nos organismos públicos de investigación, nas fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados na nosa Comunidade.
Nelas traballan os equipos científicos máis excelentes da nosa Comunidade, que realizan proxectos de alto impacto que repercuten no noso progreso social e económico. En total, na actualidade hai 427 grupos de investigación en activo, o máximo histórico acadado en Galicia, que realizan o seu labor co apoio da Xunta grazas a este programa.
O financiamento varía en función dos ingresos medios e as actividades de transferencia de coñecemento, cun importe de ata 105.000€ ao ano para cada grupo. As axudas poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador ou auxiliar como a sufragar ferramentas de xestión (como por exemplo aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico ou a consultaría e asesoramento externo, entre outros.
Novidades da convocatoria
Unha das principais novidades da convocatoria é o incremento dos importes das axudas dos módulos estruturais para os Grupos de referencia competitiva en 5.000€ ao ano (+10%) e para os Grupos de potencial crecemento en 1.500€ ao ano (+5%).
Ademais, simplifícase o procedemento administrativo, establecendo un sistema máis sinxelo de avaliación para as solicitudes dos grupos de referencia competitiva das universidades públicas galegas que teñan demostrado unha traxectoria excelente ao longo do tempo, que virá determinada pola da máxima cualificación na avaliación final de anteriores convocatorias. Así mesmo, elimínase a avaliación parcial prevista en convocatorias anteriores para estes grupos e para os de potencial de crecemento.
Ao igual que nas convocatorias anteriores, mantense o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia e o papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.
Tres categorías de grupos
Como é habitual, a orde de convocatoria establece tres categorías: Grupos de referencia competitiva (Modalidade A), Grupos de potencial crecemento (Modalidade B) e Proxectos de persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C).
A modalidade A vai dirixida aos grupos considerados como excelentes, con puntuacións moi boas por parte da axencia avaliadora e liderados por científicos referentes. Estes grupos contan cunha traxectoria científica moi consolidada ao longo do tempo, con moito persoal investigador adscrito e moitos proxectos en marcha. Por este motivo, perciben o rango máis alto de axudas, cun máximo anual de 105.000€.
Na modalidade B inclúense os grupos na senda da excelencia, que están a consolidar o seu equipo e o seu proxecto para dar o salto á modalidade A. Estas axudas proporciónanlle apoio para esta evolución, cunha achega máxima anual de 41.500€.
A modalidade C dá a oportunidade de que persoal investigador con traxectoria excelente poida crear o seu grupo de investigación. Nesta categoría, existen dúas liñas: unha de reforzo da traxectoria investigadora consolidada, cun importe anual máximo de 50.000€ por un período de catro anos, e unha de reforzo de traxectorias emerxentes é de 15.000€ en 2025 e de 25.000€ no resto dos anos ata 2029.