Máis de 250 docentes dun cento de centros de FP fórmanse para incorporar a intelixencia artificial na aprendizaxe de inglés

O Centro Galego da Innovación da FP encárgase da capacitación do profesorado de todas as familias profesionais no uso desta ferramenta pioneira nas aulas

O denominado proxecto Vetinen permite, a través dunha interface en 3D, recrear escenarios deseñados polos profesores que simulan patróns no día a día

Ven, 03/01/2025 - 12:39
Foto dunha aula de formación onde se ve o escenario e os participantes dende un lateral

O Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, vén de culminar o proceso de formación de máis de 250 profesores dun cento de centros educativos para a incorporación da intelixencia artificial como unha ferramenta na aprendizaxe de inglés para todas as familias profesionais da Formación Profesional en Galicia.

 

Esta formación é a primeira fase da posta en marcha do programa Vetinen (Vocational Training Innovative English), un proxecto educativo pioneiro e innovador impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para aplicar a intelixencia artificial aos ciclos formativos, o que permite o deseño de recursos didácticos personalizados e a aplicación de metodoloxías innovadoras na aula.

 

O proxecto, que sitúa o profesorado galego á vangarda na aplicación da IA e as novas tecnoloxías na práctica educativa, arrancou este outono cunha proposta piloto para o ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos da familia profesional de Hostalería e Turismo coa previsión de incorporalo ao resto das familias profesionais.

 

A súa potencialidade radica no uso de ferramentas interactivas en 3D que permite ao profesorado e alumnado desenvolver competencias lingüísticas nun entorno virtual inmersivo no que se recrean situacións prácticas reais.

 

Simulación de situacións reais

Así pois, no caso da familia profesional de Hostalería e Turismo, na que se está levando a cabo a pilotaxe, simúlanse escenarios reais nos que os alumnos poden manter unha interacción fluída con avatares adaptados a situacións habituais con clientes e provedores de servizos.

 

A modo de exemplo poden deseñarse escenas como de novos clientes que chegan ao hotel para realizar o check-in; clientes xa hospedados que requiren servizos ou información concreta, ou persoal de hotel que se atopa ante determinados problemas imprevistos que hai que resolver. En todos os casos, os alumnos poden, a través da interface en 3D, interactuar co avatar correspondente para abordar cada escena e achegar solucións, sempre en inglés, para garantir a práctica desta competencia lingüística.