O novo Programa de apoio ao alumnado estranxeiro da Xunta contará cun proxecto específico de inclusión e unha oficina de acollida
O programa inclúe medidas educativas e sociais dirixidas a facilitar a integración destes estudantes nas aulas, con especial atención á adquisición das linguas
Por primeira vez establécense medidas concretas para propiciar a acollida do alumnado de FP e das Ensinanzas de Réxime Especial
Román Rodríguez incide no valor da iniciativa para “asegurar unha comunidade educativa máis equitativa, máis cohesionada e máis diversa”
Destaca o bo punto de partida do sistema educativo, líder en diferentes informes en materia de inclusión, e aposta por afianzar esta liña de traballo
A Xunta de Galicia vén de lanzar o Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, unha das accións recollidas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que hoxe deu a coñecer o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e que abrangue todas as etapas educativas: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial.
Entre as principais novidades do programa figuran a posta en marcha dun proxecto específico de inclusión para estes estudantes nos centros educativos, así como dunha oficina de acollida de alumnado estranxeiro. Así mesmo, o programa fai fincapé na adquisición das linguas e, ademais, inclúense por primeira vez medidas específicas para a integración do alumnado de ensinanzas profesionais.
Román Rodríguez, que estivo acompañado polas directoras xerais de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e de FP, Eugenia Pérez; salientou que o obxectivo principal desta iniciativa é “garantir a escolarización, a acollida e o benestar deste alumnado”, para o cal é preciso a intervención de todos os membros implicados no proceso educativo, como son o profesorado, os equipos directivos dos centros, as familias, os alumnos e tamén os Servizos Sociais. “Mediante esta nova iniciativa, queremos asegurar unha comunidade educativa máis equitativa, máis cohesionada e máis diversa, loitando contra o absentismo e ofrecendo itinerarios pedagóxicos específicos para cada caso”, incidiu.
Anticiparse a un novo reto
Malia que Galicia se sitúa entre as comunidades con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro de España (o 7,5% do curso 2024-25 para Galicia fronte ao 12,2% para o curso 2023-24 a nivel estatal segundo os últimos datos dispoñibles), preséntase unha dinámica alcista nos últimos anos, e que se prevé que continúe nos vindeiros cursos.
De feito, a porcentaxe de alumnos estranxeiros era do 3,67% no curso 2020-21, e tamén aumentou o número de nacionalidades no último lustro, de 126 hai cinco anos a 134 actuais. Ante esta tendencia, o titular de Educación do Goberno galego subliñou a pertinencia de dito programa co fin de asegurar a mellor atención posible a estes alumnos.
Actualmente en Galicia cursan estudos nas diferentes ensinanzas un total de 28.603 estranxeiros e as nacionalidades máis representativas son a venezolana (20,25%), a colombiana (15,01%), a peruana (10,91%) e a marroquí (9,04%).
Con este plan, trátase, por tanto, de “anticiparnos a este novo reto e dar oportunidades aos novos galegos nados no estranxeiro”, destacou Román Rodríguez, que subliñou que o sistema educativo é “unha ferramenta que favorece a inclusión e adquisición de competencias profesionais para a integración no mercado laboral e na sociedade”.
O conselleiro quixo tamén facer fincapé no vantaxoso punto de partida do ensino galego en materia de inclusión, na que é líder segundo diferentes informes, unha liña de traballo “que imos seguir fortalecendo non só porque é o máis xusto para cada alumno, senón porque o apoio á diversidade é sinónimo de desenvolvemento, de riqueza e de benestar. “Fronte a calquera forma de discriminación, Galicia aposta pola diversidade, pola convivencia e pola plena inclusión no sistema educativo”, afirmou. Cómpre lembrar que no informe PISA os alumnos galegos sitúanse nos postos de cabeza no índice de respecto por persoas doutras culturas e no de actitudes máis positivas cos inmigrantes.
Consolidación e impulso de novas medidas
O Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro consolida unha serie de medidas nas que xa se traballa desde hai tempo e sistematízaas. Créase, así, unha guía clara para que os diferentes axentes implicados dispoñan de toda a información sobre as diferentes fases e opcións de acollida, así como información de recursos dispoñibles, tanto da administración educativa como dos Servizos Sociais.
Ao mesmo tempo, afóndase no coidado do benestar emocional do alumnado e promóvese o fortalecemento da comunicación e a colaboración entre docentes, alumnos e familia en prol dunha acollida efectiva.
Unha das principais novidades é a proposta aos centros para que poñan en marcha un proxecto específico de inclusión do alumnado inmigrante a través do coñecemento das diversas tradicións, valores e prácticas (música, xogos tradicionais....) tanto da cultura galega como da española en xeral para promover o intercambio cultural e o respecto pola diversidade na contorna escolar. Así mesmo, propóñense medidas como a mediación entre iguais, o acompañamento entre alumnos ou a posta a disposición de carteis multilingües ou vocabularios, entre outras.
Porase en marcha, tamén, unha oficina de acollida de alumnado estranxeiro, especializada na orientación aos diferentes axentes implicados. Esta oficina actuará como referente no proceso de acollida, garantindo que os centros dispoñan de toda a información e recursos necesarios, así como para resolver calquera dúbida ou necesidade específica que poida xurdir ao longo do proceso.
Adquisición de linguas
O programa fai fincapé, asemade, na adquisición das linguas. Deste xeito, ademais das tradicionais medidas que se aplican para que o alumnado estranxeiro de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato acade competencias nas linguas cooficiais de Galicia (a través de grupos específicos de adquisición das linguas), impulsaranse medidas complementarias como cursos de lingua e cultura galega dirixidos a persoas procedentes do exterior.
Ademais, no ámbito das ensinanzas profesionais prevese unha liña específica de apoio lingüístico, con medidas como a posta a disposición de materiais e ferramentas de apoio, tales como glosarios técnicos, aplicacións de tradución ou plataformas de subtitulado. Neste eido, cómpre destacar o proxecto VETINEN, desenvolvido polo Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, unha ferramenta innovadora que combina a realidade virtual e a intelixencia artificial para a aprendizaxe de idiomas, facilitando a adquisición de vocabulario técnico aplicado a escenarios reais de cada profesión.
Así mesmo, colaborarase coas Escolas Oficiais de Idiomas, tanto para dar a coñecer a súa oferta de español e galego para estranxeiros entre o alumnado, como para elaborar pílulas dixitais multilingües, recursos dixitais breves e dinámicos, deseñados para facilitar a aprendizaxe do galego e do castelán.
Orientación e mentoría
No ámbito da FP as medidas deste programa susténtanse a través do Plan FPGal360 e inclúense por primeira vez accións específicas de adaptación e acollida ao alumnado estranxeiro que cursa FP e ensinanzas artísticas e deportivas.
Ademais do devandito apoio lingüístico, establécese unha liña de apoio académico e profesional, con acción dirixidas á orientación vocacional e profesional que inclúe o desenvolvemento dun sistema de asistente virtual baseado en intelixencia artificial especializado na oferta de FP. Dito asistente 24/7 estará deseñado para ofrecer respostas en tempo real a persoas interesadas de calquera parte do mundo, 24 horas ao día os sete días da semana, sen ter en conta as diferenzas horarias.
Tamén se impulsará a aprendizaxe baseada en proxectos e retos prácticos e reais, directamente vinculados ao sector produtivo, así como o uso de recursos tecnolóxicos tales como vídeos explicativos, simulacións e prácticas virtuais para facilitar a comprensión dos contidos curriculares.
A terceira liña de traballo nas ensinanzas profesionais céntrase na inclusión cultural e emocional do alumnado estranxeiro a través da organización de diferentes actividades de inclusión ou programas de mentoría con estudantes de cursos superiores ou docentes. Impulsarase ademais a iniciativa Camiños Compartidos: Rede de Referentes Profesionais, ciclo de xornadas itinerantes por distintos centros educativos, onde profesionais de orixe estranxeira que traballan en Galicia, emprendedores e casos de éxito, poidan trasladar a súa experiencia para inspirar e motivar ao alumnado.