O alumnado da ESO mellorará o seu coñecemento en física grazas a unha iniciativa da Xunta e o IGFAE

A Consellería de Educación e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías alíanse e crean un kit de Polos Creativos para aprender ciencia dun xeito didáctico

O proxecto de innovación, que chegará a 500 centros que imparten Secundaria na Comunidade, está composto por 420 pezas de construción encaixables

Mar, 05/11/2024 - 17:05
i

A Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) alíanse para que o alumnado galego mellore os seus coñecementos científicos. Fano a través do programa de Polos Creativos, que suma un novo kit singular elaborado entre ambas institucións e que chegará a 500 centros da Comunidade que imparten ESO. A iniciativa foi presentada hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o director do IGFAE, Carlos Salgado, nunha xornada de traballo para o envío do material aos centros de ensino.

O proxecto leva por nome A materia peza a peza e, como afirmou o conselleiro, trátase “dun esforzo didáctico para achegar aos nosos mozos a este campo de coñecemento de maneira amena e sinxela”. Non en balde, Galicia é, segundo o último informe PISA, a comunidade autónoma onde os estudantes teñen maior competencia en ciencias, algo que iniciativas como esta aspiran a consolidar. De feito, con 506 puntos, Galicia ocupa a octava posición a nivel internacional, fronte ao posto 27 de España con 486 puntos.

Concretamente, este novo kit dos Polos Creativos está composto por 420 pezas de distintas cores, cada unha das cales representa unha partícula elemental da materia, e unha guía didáctica. O kit conta con 180 pezas laranxas que corresponden aos chamados quarks up, 180 azuis que representan quarks down e 60 brancas que son os electróns. Con estas pezas, como se explicou na presentación, é posible construír protóns e neutróns que, xunto con electróns, posibilitan a construción de átomos, cos seus diversos isótopos e a súa agregación en moléculas.

Estimular as vocacións STEM

Deste xeito, a través destes materiais poderase explicar dunha maneira moi didáctica o que é a física de partículas, a rama da física que estuda os compoñentes elementais da materia e as interaccións entre eles. “Queremos estimular as vocacións STEM que son fundamentais, cada vez máis, na nosa sociedade. Parecen competencias duras, pero se se fan dun xeito amable, divertido, práctico, visual e manipulativo -como propón este kit de Polos Creativos- é moito máis doado que os adolescentes galegos poidan aproximarse a cuestións complicadas como estas”, afirmou o conselleiro na presentación.

Durante a xornada púxose de manifesto a importancia da divulgación nesta materia desde idades temperás. “Cando somos quen de ver como repercute na nosa vida cotiá e facémolo dun xeito adaptado, apréndese moito mellor”, apuntou o conselleiro ante os participantes, que realizaron 500 kits -un total de 215.000 pezas- para repartir nos máis de 450 centros educativos que imparten ESO e dotar tamén dos mesmos aos centros de formación e recursos, que son os espazos onde o profesorado mellora os seus coñecementos.  

A presentación levouse a cabo nas novas instalacións do IGFAE- organismo mixto da Xunta e a Universidade de Santiago- onde o Goberno autonómico está a investir 4,8 millóns de euros en rehabilitación e mellora das infraestruturas de investigación.