Convocatoria do concurso de curtas de animación en galego Nós tamén creamos!
Resolución da Secretaría Xeral da Lingua e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se aproban as bases e se convoca o concurso de curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2024/2025.
A Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convocan o concurso de curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2024/2025.
Concurso:
Establécense catro categorías, con cadanseu premio:
- Categoría 1: destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de educación infantil
- Categoría 2: destinada a curtas realizadas con alumnado de primeiro e segundo de educación primaria
- Categoría 3: destinada a curtas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria
- Categoría 4: destinada a curtas realizadas con alumnado de quinto e sexto de educación primaria
Ademais, poderá concederse, a xuízo da Comisión de Selección, un accésit para cada categoría.
O profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. De ser o caso, o profesorado que participe nas curtas recoñecidas cun accésit recibirá unha certificación de Accésit.
Aos colexios entregaráselles, ademais dun lote de libros, un contrasinal de entrada a unha plataforma de contidos dixitais en galego para poder acceder aos álbums ilustrados, sen necesidade de manipulalos, durante o curso 2024-2025.
Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! no marco do Plan Proxecta+ quedarán inscritos de oficio no certame. Para os outros centros de titularidade pública que non estean en Proxecta, o prazo de presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de abril de 2025.