A Xunta confirma a súa aposta polo profesorado, cun forte incremento do orzamento para 2025
As contas da Consellería contemplan un aumento de 90M€ no capítulo de persoal, a partida que máis medra da Consellería, que supera os 3.000M€
Román Rodríguez asegura que este pulo suporá “seguir afianzando” os grandes retos iniciados este curso como a mellora das rateos por aula, a mellor atención ao alumnado con necesidades e un maior apoio ao eido rural, entre outros
Salienta que o cumprimento do acordo de mellora queda blindado por lei
A Xunta de Galicia confirma a súa aposta polo profesorado a través dun forte incremento das partidas nos Orzamentos para 2025, que se reflicte nun aumento de 90M€ no capítulo I, dedicado a persoal, o que máis medra de toda a Consellería. Así o expuxo esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na reunión da Xunta autonómica de directores e directoras do ensino non universitario para avaliar o desenvolvemento do curso e dos proxectos de futuro.
O titular de Educación subliñou que os Orzamentos de 2025 superan “por primeira vez” os 3.000M€. Unhas cifras que, en palabras do conselleiro de Educación, van permitir “seguir afianzando moitos retos” da maior modernización do sistema educativo en 30 anos iniciada este curso. Isto inclúe a mellora das rateos por aula, a dotación de máis profesorado, a mellor atención ao alumnado con necesidades especiais, máis apoio ao rural e á carreira profesional docente, entre outros.
Precisamente, co fin de blindar o compromiso con esta liña de traballo e conferirlle o maior respaldo xurídico posible, o Goberno galego vén de blindar o acordo de mellora do ensino e a prohibición do uso dos teléfonos móbiles como normas de máximo rango a través da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2025.
Mellora de rateos e agrupamentos
Así pois, a partir de agora, a implantación progresiva do acordo queda selada cun calendario de obrigado cumprimento que atinxe, sobre todo, á baixada das rateos iniciada en 4º de Infantil e que se completará ao ano a ano ao longo dos seguintes cursos escolares.
Así mesmo, no que atinxe ao número máximo de alumnos para agrupamentos de distintos cursos e etapas no rural, iniciado este ano cun máximo de 14 alumnos para todo Infantil, quedará plenamente completado nun período de tres cursos para Infantil e Primaria. De feito, o vindeiro 2025-26 xa se aplicará o máximo de 14 alumnos para a combinación de 1º e 2º de Primaria e de máximo de 10 alumnos cando se mesturan alumnos de Infantil e Primaria. Cómpre lembrar que ata agora esta cifra era de 18.
Máis profesores para menos alumnos
Román Rodríguez puxo en valor que as accións postas en marcha posibilitaron que, pese á baixada xeral de matrícula, este curso aumentara a dotación de profesorado “co maior cadro de persoal da nosa historia”, sinalou en referencia aso 31.603 docentes que hai nas aulas galegas, 500 máis que o ano pasado.
Ademais da “estabilidade laboral e educativa”, o titular de Educación sinalou a necesidade de seguir traballando para mellorar o ensino galego, con medidas como a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, que computa agora por dous ou por tres a efectos de rateo, unha medida pioneira que só existe en Galicia. Para isto, a Consellería ten en marcha o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que abrangue seis grandes programas como o Promociona e o Proa+. Tamén se inclúe o programa de apoio educativo para alumnado estranxeiro, que facilitará a escolarización, a acollida e o benestar emocional destes estudantes.
Burocracia, FP e PAU
Así mesmo, puxo en valor o traballo que está a desenvolver a Consellería para reducir a burocracia nos centros educativos, coas primeiras medidas xa en marcha este curso. O obxectivo é alixeirar aos equipos directivos e aos docentes de determinadas tarefas administrativas que poden ser optimizadas e facilitadas, de tal modo que poidan dedicar ese tempo a labores propiamente educativos o que redunda, en última instancia, nunha mellor atención ao alumnado.
Outro dos retos do sistema educativo galego é o desenvolvemento da Lei de Formación Profesional, cun impacto na ordenación do sistema e nas prácticas educativas. A maiores, a Consellería de Educación está traballando no Plan FPGal360, enfocado a reducir a taxa de abandono educativo que en Galicia xa está en mínimos históricos, a ofrecer orientación vocacional e profesional e a facilitar que toda persoa obteña unha titulación.
Finalmente, Román Rodríguez tamén apuntou como reto deste ano a posta marcha da nova Proba de Acceso á Universidade, PAU, para a cal Galicia xa foi a primeira comunidade en facer público os modelos de exame, o que permite dar seguridade e certezas ao profesorado e aos alumnos, ao tempo que avanzar nunha proba que garanta a igualdade de oportunidades entre todos os estudantes no acceso á universidade.