Que son?
A iniciativa de Proxectos de Inclusión Educativa (PIE) constitúe un instrumento de apoio aos centros educativos para que dentro da súa autonomía desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros de referencia no ámbito da igualdade, convivencia, inclusión e benestar emocional e contribuír deste xeito a garantir unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver o máximo posible as súas potencialidades e, xa que logo, contribuír á transformación e consolidación definitiva do sistema educativo de Galicia.
1. Reforzo da inclusión educativa
Unha escola inclusiva é aquela que se apoia na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas e se estimulan as capacidades e responsabilidades sociais, traballando en colaboración coas familias e outros membros da comunidade. A loita contra o abandono escolar temperán e o absentismo escolar constitúe unha das prioridades perentorias das políticas educativas da Unión Europea, e a pesares da mellora observada na última década, cómpre seguir traballando para mellorar as oportunidades de todo o alumnado. Segundo estudos da OCDE, os mozos e as mozas que abandonan os estudos de forma prematura corren o risco de sufrir exclusión social, entre outras razóns, debido a que teñen máis dificultades en atopar emprego.
2. Impulso da igualdade
A educación é clave para romper coa transmisión dos estereotipos e eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, para previr e abordar a violencia de xénero así como para pór en valor a diversidade afectivo-sexual e de xénero e o respecto a todas as persoas. Os centros educativos desempeñan un importante papel no ámbito da coeducación dende as idades máis temperás, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado, axudándolles a identificar as desigualdades e colaborando na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
3. Mellora da convivencia
A escola, como unha das grandes institucións sociais que é, ten a obriga de ser un ámbito de convivencia pacífica, democrática e respectuosa dos dereitos de todas as súas persoas integrantes, pois só así adquire significado a tarefa educativa. En consecuencia, todas as accións que se poñan en marcha para xerar un clima de seguridade, respecto e confianza no contexto escolar logran que se fomente no alumnado unha mellora da convivencia, promovendo un sentimento e interese pola diversidade de calquera índole e en liña coa Estratexia Galega de Convivencia Escolar, Educonvives 2025.
4. Promoción do benestar emocional
Os centros educativos son cada vez máis conscientes da necesidade de poñer en valor a importancia e a repercusión das aprendizaxes non cognitivas (emocionais) para o benestar e o progreso social do alumnado, e como forma de optimizar a calidade educativa como un sinal permanente nos contextos escolares.