Román Rodríguez dá a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos 5 continentes que traballarán nas aulas galegas este curso
O número de auxiliares de conversa alcanza un récord histórico, reforzando o apoio á aprendizaxe de linguas en Galicia
Galicia destina máis de 4,7M€ a esta iniciativa no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a 665 auxiliares de conversa de 24 países dos cinco continentes nun acto celebrado na Cidade da Cultura. Este evento serviu como punto de encontro para os novos auxiliares que durante o curso 2024/25 apoiarán a aprendizaxe de inglés, francés, portugués, alemán e chinés nas aulas galegas.
A xornada reuniu a cifra máis alta dos auxiliares de conversa que se incorporan a 511 centros educativos de todo o territorio galego. Isto permite que o 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos poidan desenvolver programas plurilingües en diversas etapas: Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a importancia deste programa plurilingüe, subliñando o impacto que terá a “presenza destes profesionais no sistema educativo, xa que non só colaboran no ensino de linguas estranxeiras, senón que traen consigo unha visión internacional que enriquece o noso alumnado e abre as portas ao mundo”.
Durante a xornada, realízase unha presentación detallada do programa de auxiliares de conversa e varias sesións informativas, nas que se abordaron aspectos prácticos como os trámites de estranxeiría e a vida en Galicia. Estas actividades axudan aos novos auxiliares a adaptarse ao seu novo entorno e ás súas responsabilidades.
De Singapur a Brasil
Cos 665 auxiliares de conversación, Galicia continúa consolidándose como líder na promoción do plurilingüismo, fortalecendo a educación e abrindo novas portas ao futuro do alumnado galego. Estes profesionais proceden de cinco continentes distintos e dos seguintes países: Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Canadá, China, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Lituania, Marrocos, Nova Zelandia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Singapur e Tunisia.
Liderado en auxiliares de conversa de alto perfil
Román Rodríguez resaltou o compromiso da Xunta coa aprendizaxe de idiomas nos centros educativos galegos. Así, este curso aprobáronse acordos co Ministerio de Educación, a Comisión Fulbright, a Hanban (entidade académica chinesa) e o Instituto Camões de Portugal. Os catro convenios permiten a incorporación de auxiliares de conversa.
De feito, o titular de Educación destacou que a semana pasada asinou o convenio coa Comisión Fulbright, o cal posiciona a Galicia como a comunidade autónoma con maior número de auxiliares estadounidense de alto perfil académico. Este acordo permite que 40 auxiliares impartan nas aulas galegas este curso, unha cifra destacada dentro do conxunto de 184 auxiliares repartidos por todo o Estado.
Aposta decidida polo plurilingüismo
A incorporación de auxiliares de conversa no ensino galego inscríbese na Estratexia Edulingüe 2030, que busca consolidar os logros acadados na última década no ensino de linguas estranxeiras. Un dos puntos clave desta estratexia é a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira en centros de educación obrigatoria, modelo iniciado no curso 2010/11. A partir do 2017, este sistema foi ampliado a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional, alcanzando os 511 centros plurilingües no curso 2024/25. O éxito destas políticas queda reflectido nos resultados do alumnado galego, que figura entre os mellores de España en nivel de inglés, segundo o ranking internacional EF EPI.
Alta satisfacción e renovación do programa
Os auxiliares de conversa non só enriquecen a aprendizaxe das linguas, senón que tamén son valorados como unha ferramenta fundamental para achegar a cultura e realidade dos seus países de orixe ao alumnado galego. Segundo as valoracións das persoas coordinadoras nos centros educativos, o 99% considera moi positivo este apoio. Ademais, o 33% dos auxiliares solicita renovar a súa estadía en Galicia para o seguinte curso. Durante a súa estancia, recibirán unha axuda económica e contarán co apoio dun profesor titor que os guiará nas súas tarefas de apoio á docencia.