A Xunta pon a disposición do profesorado Ágora Dixital, unha nova plataforma con 120 recursos dixitais especialmente enfocados a materias STEM
Divídese en seis apartados con obxectivos diferentes, desde micro-experiencias de aprendizaxe ata entrevistas con recoñecidos expertos en tendencias emerxentes
Establécese unha sección específica para axudar ao profesorado a iniciarse na intelixencia artificial, un dos principais retos do ensino a medio prazo
A iniciativa forma parte das accións de Xunta para atender os retos tecnolóxicos do ensino galego, que inicia a súa maior modernización dos últimos 30 anos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación de Ágora Dixital, unha nova plataforma de recursos para axudar ao profesorado a desenvolver metodoloxías innovadoras na aula e que xorde da necesidade de contar cun espazo público no que atopar ideas, estratexias e actividades para empregar na clase, especialmente no relativo ás competencias STEM e tecnolóxicas, que se enfrontan na actualidade a unha constante actualización e novos retos.
O representante da Xunta agradeceu a colaboración dos docentes que participaron na elaboración dos 120 primeiros recursos xa dispoñibles e animou a todos a colaborar no enriquecemento da plataforma, “un traballo en equipo para mellorar a aprendizaxe do alumnado e para dar visibilidade ás boas prácticas do profesorado da Comunidade”.
Neste momento hai máis materiais en produción e desde a Consellería vaise favorecer a creación de novos contidos. Para iso, abrirase un apartado en Ágora Dixital baixo o título Tes unha idea? O obxectivo é que os profesores que presenten unha proposta poidan compartila e darlle forma no Centro de Innovación Educativa e Dixital de Galicia.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, lembrou que este curso comeza a maior modernización do ensino galego dos últimos 30 anos e nesa meta intégrase Ágora Dixital para responder aos retos tecnolóxicos. “É unha ferramenta creada por docentes e para docentes para facerlles máis doado o seu traballo e ofrecer a mellor formación ao alumnado”.
Espazo aberto á comunidade escolar
Ágora Dixital funciona como unha praza aberta á comunidade educativa na que os docentes poden atopar recursos dixitais para empregar na aula e elaborar outros novos. Os materiais están baseados nunha aprendizaxe experimental, significativa, flexible, de curta duración e moi específica co fin de facilitar a transformación educativa nun clic.
Diferénciase doutros repositorios de contidos na rede pola súa fiabilidade, dado que son materiais elaborados por profesores e expertos, pola súa practicidade, dado que están testados en contextos reais na aula, e pola súa dispoñibilidade en galego e en castelán. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.
Seis laboratorios de aprendizaxe
As publicacións de Ágora Dixital están estruturadas en seis apartados ou laboratorios: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Ideas, LAB-Expert, LAB-IA
O LAB-Microsecuencias propón microexperiencias de aprendizaxe reproducibles na aula, por exemplo aprender como funciona o sensor de aparcamento dun coche empregando materiais de robótica; mentres que no LAB-Espazos se ofrecen consellos para a creación de novos espazos de aprendizaxe en base ás experiencias doutros centros, como o uso das aulas sensoriais.
Pola súa banda, o LAB-Estratexias céntrase en propoñer metodoloxías de aprendizaxe innovadoras (como o discurso lóstrego) e o LAB-Ideas funciona como unha porta aberta a outros recursos ou convocatorias de interese. Neste último apartado pode atoparse, por exemplo, un achegamento aos recursos didácticos en liña do CERN.
LAB-Expert céntrase en entrevistas, en formato vídeo curto, con persoas expertas do mundo dixital e STEM e a educación sobre tendencias emerxentes. No catálogo actual pódese atopar unha conversa na que a pedagoga Nélida Zaitegi aborda a convivencia positiva, eido no que é unha recoñecida experta, ou co investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, Francisco Bellas, que afonda no impacto desta no ensino, entre outras entrevistas.
Precisamente o último dos apartados da plataforma, LAB-IA, dedícase aos docentes que desexen iniciarse na intelixencia artificial, un dos grandes desafíos do ensino a medio prazo. Inclúe pequenas achegas sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática, arredor de conceptos como a árbore de decisións ou a aplicación ChatGPT.