Román Rodríguez enxalza a traxectoria do Colexio Nosa Señora da Piedade por saber “adaptarse aos cambios e ser un referente en Vila de Cruces”

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa no 50 aniversario deste centro educativo do que el mesmo foi alumno

Ven, 20/09/2024 - 15:15
v

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no 50 aniversario do Colexio CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, centro ao que se referiu como un “referente educativo neste municipio, sabendo transformarse e enfrontarse aos desafíos con cada nova xeración de alumnos”.

O representante da Xunta, durante a súa intervención no acto de conmemoración dos 50 anos de vida do centro, enxalzou a traxectoria do colexio por “saber adaptarse aos cambios ao longo dos anos e ir sempre á vangarda”. Algo que afirmou “sabelo de primeira man, pois eu mesmo fun alumno deste centro, que tantas alegrías e leccións me deu ao longo dos meus primeiros anos académicos”.

O titular de Educación considera que chegar ás cinco décadas de vida é un “reflexo de madurez, consolidación e experiencia, así como unha oportunidade para seguir aprendendo”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Goberno galego para garantir unha educación de calidade nas zonas rurais e ampliar o seu impacto, “o que transcende do meramente educativo e entra de cheo na memoria do lugar”, engadiu.

A xornada de celebración, ademais do acto protocolario cos discursos de representantes da comunidade educativa, contou tamén con unha visita polas instalacións do colexio e unha mostra fotográfica, así como con varias actividades: lembranzas, xogos, animación musical, xogos infantís e unha pequena merenda. Durante esta cita de convivencia, Román Rodríguez animou a toda a comunidade educativa a seguir “coleccionando recordos e dando vida a este centro educativo outros 50 anos máis”.