Román Rodríguez anuncia novas actuacións de mellora no colexio de Trazo, no que a Xunta xa investiu máis de medio millón de euros

O conselleiro de Educación visita o centro, no que se vai reparar o tellado da pista exterior e arranxar a fachada do edificio de Secundaria e a escaleira contraincendios

Estas obras, por importe de arredor de 100.000€, súmanse á mellora da eficiencia enerxética realizada e ao acondicionamento de para novas aulas, entre outras

Xov, 19/09/2024 - 14:22
t

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe novas actuacións de mellora no Colexio CPI de Viaño Pequeno, na localidade coruñesa de Trazo. Nunha visita ao centro, explicou que nos próximos meses se vai acometer a reparación do tellado da pista exterior, así como o arranxo da fachada do edificio de Secundaria e da escaleira contraincendios.

O titular do departamento educativo da Xunta enmarcou este investimento na aposta do Goberno galego polo ensino rural. “Galicia ten un modelo educativo de proximidade, de feito o 90% dos concellos teñen un centro de Infantil e Primaria, fronte ao 55% de España”, explicou o conselleiro, poñendo en valor o investimento do Goberno galego para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado no rural.

As novas obras, por importe de arredor de 100.000€, súmanse ao investimento realizado xa neste centro nos últimos anos, que supera os 500.000€. Entre as actuacións xa rematadas cómpre salientar a mellora da eficiencia enerxética acometida (preto de 260.000€), que incluíu a reparación da fachada principal e melloras na cuberta, así como cambio de parte das fiestras.  Ademais, o ano pasado trasladouse o aulario de Infantil ao CPI para unificar nun único edificio todas as ensinanzas, entre outras melloras realizadas desde 2009.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez recalcou tamén o esforzo inversor da Xunta de Galicia para modernizar os centros educativos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Ao seu abeiro, o Goberno galego destina máis de 278M€ a case 2.700 accións de mellora. A provincia da Coruña concentra máis de 1.000 obras, cun investimento de case 100M€.