O Ministerio de Educación sitúa a Galicia como a terceira comunidade con mellor proporción de alumnos por profesor

Vén de publicar un novo informe no que a rateo de estudantes por docente na nosa Comunidade é de 9,9, mentres que no conxunto de España se sitúa en 11,3

Sáb, 14/09/2024 - 14:21
v

O Ministerio de Educación, FP e Deportes volve a situar a Galicia á cabeza no número de alumnos por profesor. No informe Datos y cifras curso escolar 2024/2025 que vén de publicar esta semana, a nosa Comunidade é a terceira que conta con menos alumnos por profesor nas ensinanza de réxime xeral non universitarias, tan só por detrás de Cantabria e Estremadura.

Como indican os datos do Ministerio, a proporción de alumnos por profesor en Galicia é de 9,9, mentres que o dato do conxunto de España é de 11,3. Así o expuxo hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha visita as obras de mellora do Colexio CEIP de Vite, en Santiago de Compostela, unha das 2700 intervencións que a Xunta leva a cabo a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024 cun investimento de 278 M€ para modernizar os centros.

Os datos que vén de publicar o Ministerio corresponden ao curso 2022/23, polo que nas seguintes estatísticas do Ministerio aínda é previsible que se mellore esta taxa grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais. De feito, no curso 2022/23 Galicia contaba con 30.571 profesores, cifra inferior aos 31.603 docentes que integran o plantel este curso. Namentres, durante este período a cifra de alumnado baixou consecutivamente.