A ampliación do CIFP Fraga do Eume rematará este outono para reforzar as ensinanzas do sector hostaleiro e turístico

Román Rodríguez explica que a ampliación da cociña e do comedor, cun investimento de 365.000€, así como doutras melloras, avanzan a bo ritmo

“Queremos formar aos mellores profesionais que o sector hostaleiro e turístico e fortalecer este centro como unha referencia na comarca de Ferrolterra”, afirma

Ven, 13/09/2024 - 13:46
p

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, supervisou hoxe o desenvolvemento das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Fraga do Eume. A intervención, cun investimento de 365.000€, avanza de maneira satisfactoria e está previsto que estea finalizada durante este outono.

“As obras de ampliación avanzan a bo ritmo. Seguramente a principios de novembro estarán xa en perfecto estado tanto a ampliación da cociña como do comedor”, detallou. O titular de Educación da Xunta afirmou que a intención do seu departamento é “formar aos mellores profesionais que o sector hostaleiro e turístico merecen”. “Estase fortalecendo a familia profesional destas ensinanzas para ser un centro de referencia no conxunto de Galicia e, por suposto, na comarca de Ferrolterra”, engadiu.

Durante a visita, o conselleiro destacou que esta actuación representa un compromiso cumprido coa comunidade educativa de Pontedeume, despois de que o centro se convertese nun centro integrado de FP no curso 2021/2022. De feito, as obras de ampliación e reforma do interior do centro súmanse á recente mellora de talleres como o da lavandería de lencería, destinado ao Ciclo Superior de Xestión de aloxamentos turísticos, o que supón un avance para o conxunto do centro.

"Estas ampliacións e reformas permitirán dotar á FP en Pontedeume de máis e mellores espazos, reforzando unha familia profesional que sustenta un sector produtivo clave neste concello", sinalou o conselleiro. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que o CIFP Fraga do Eume conta neste curso 24/25 cunha cifra provisional de 273 alumnos.

Fases posteriores

A ampliación do centro reafirma o compromiso da Xunta co impulso á FP en Galicia e coa empregabilidade do alumnado, facilitando, entre outros aspectos, o acondicionamento do comedor para os ciclos de hostalaría.

Esta ampliación forma parte dunha reforma máis ambiciosa que contará cunha segunda fase, destinada á remodelación de todos os talleres e cociñas de hostalaría, cun orzamento superior a 650.000€.