Profesores de 14 comunidades autónomas visitan Galicia para coñecer o noso modelo educativo e mellorar as competencias profesionais docentes

Román Rodríguez fai fincapé na necesidade de ofrecer aos docentes as ferramentas formativas necesarias para afrontar os retos de futuro

Pon a disposición o traballo que Galicia desenvolve desde 2017 neste eido co primeiro marco competencial acordado coas facultades de formación do profesorado

Avoga por unha “visión integral” en tres ámbitos: actuando desde as universidades, na formación continua e no acceso á profesión docente

Xov, 12/09/2024 - 12:44
i

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, deu a benvida esta mañá aos docentes de 14 comunidades autónomas que se atopan en Galicia para coñecer o noso sistema educativo e participar nas Xornadas de deseño do Marco Competencial Docente, organizadas pola Xunta en colaboración co INTEF (Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado).

Logo de agradecer a elección de Galicia para avanzar no deseño desta folla de ruta da formación do profesorado, Román Rodríguez expresou o seu compromiso de contribuír ao debate estatal sobre a mellora das competencias docentes aportando “todo o traballo que na nosa Comunidade xa vimos desenvolvendo desde o ano 2017”, cando a Xunta, en colaboración coas sete facultades de Ciencias de Educación e de Formación do Profesorado galegas, deseñou o primeiro marco competencial neste eido que permitiu un cambio no plan de estudos enfocado aos retos de futuro aos que se teñen que enfrontar os docentes cando se incorporan ás aulas.

Atención a novas realidades

Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé en que para avanzar nun sistema educativo de calidade, equitativo e que garanta a igualdade de oportunidades é primordial “anticiparnos aos retos de futuro como son os desafíos demográficos, sociais e tecnolóxicos”. “E para iso -abondou- os docentes son a nosa clave de bóveda e teñen que contar non só con coñecemento, senón tamén saber facer uso dese coñecemento aplicado ás novas realidades que xorden como a diversidade, a integración de alumnos de fóra, as novas ferramentas tecnolóxicas ou o uso da intelixencia artificial no proceso educativo”.

Nesta liña, aposta por unha “visión integral” en tres ámbitos: desde as universidades onde se forman os futuros profesores actuando nos plans de estudos “como fixemos en Galicia”, desde a formación continua unha vez que chegan as aulas con plans anuais de formación en liña cos programas educativos que se implantan e tamén no acceso á función pública afondando en novas fórmulas de selección “dos mellores”.