Román Rodríguez subliña o “papel vertebral” do profesorado xunto coa “estabilidade das políticas públicas” como as claves do éxito do ensino galego

O conselleiro inaugura a segunda xornada de formación para os case 800 docentes de Secundaria que se incorporan ás aulas tras superar as oposicións do verán

O titular de Educación anima aos novos profesores a emprender “con ilusión e determinación” a tarefa de formar desde as aulas “a Galicia do futuro”

Compromete o acompañamento da Xunta nun curso que arranca con medidas novidosas como a redución das rateos e o Plan MEGA de atención personalizada

Xov, 05/09/2024 - 14:12
d

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destaca que o “papel vertebral” do profesorado xunto coa “estabilidade” das políticas públicas desenvolvidas polo Goberno galego son as razóns fundamentais dos bos resultados educativos que está acadando Galicia en variables como a calidade, a equidade e a atención á diversidade, entre outros. Así o sinalou esta mañá durante a segunda xornada de formación, desta vez para os 782 profesores de Secundaria, FP e escolas oficiais de idiomas que, xunto cos 474 docentes de Infantil e Primaria que participaron na xornada de onte, se incorporan novos este curso ás aulas galegas tras aprobar as oposicións deste verán.

Ademais de felicitalos polos resultados obtidos tras un proceso selectivo “moi esixente e competitivo”, o titular de Educación aproveitou para animar aos novos docentes a emprender “con ilusión e determinación” a tarefa de formar, desde as aulas, “a Galicia do futuro”. “O que fagamos o día de hoxe vaise ver o día de mañá. E canto mellor o fagamos nas nosas aulas, mellor será o futuro de cada unha das persoas a nivel individual e tamén o futuro de Galicia”, aseverou.

Nesta liña, Román Rodríguez comprometeu o apoio da Administración autonómica para seguir traballando de cara a novos desafíos como os demográficos, os tecnolóxicos e os desafíos sociais vencellados á convivencia, á diversidade e á inclusión. De feito, este curso comeza coa implementación dunha serie de novas medidas, como a redución do número de alumnos por aula, o reforzo da atención ao alumnado con necesidades, a mellora das condicións do profesorado e a posta en marcha do Plan MEGA, cunha batería de novas accións centradas na personalización e o apoio na aula.