Román Rodríguez destaca o Plan MEGA como “un paso de xigante cara a educación do futuro” no curso con máis iniciativas novas de personalización e apoio
“Este é o curso máis ambicioso no que atinxe á batería de medidas de mellora do sistema educativo galego”, salienta
A iniciativa supón dotar aos centros de 400 docentes adicionais, que comezarán a chegar aos centros desde o primeiro día do curso
Baséase nunha análise exhaustiva do sistema educativo e busca consolidar o ensino galego como o máis inclusivo e equitativo
A Consellería asesorará aos centros para elaborar os proxectos de mellora que lles permitan avanzar nos seus resultados e porá á súa disposición unha guía específica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia á comunidade escolar, unha iniciativa que destacou como “un paso de xigante cara a educación do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumno, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades”. Fíxoo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, que detallou algunhas das accións que se van desenvolver ao seu abeiro e os resultados da diagnose do sistema educativo nos que se basea a iniciativa.
O titular do departamento educativo da Xunta salientou o curso 2024/25 como o de “transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego”, o curso máis ambicioso da historia no que atinxe á batería de medidas para o reforzo, personalización e apoio ao ensino, en base ás necesidades particulares de cada alumno. Isto será posible grazas á dotación de 400 profesores adicionais nas aulas galegas, un reforzo que se comezará a notar xa desde o primeiro día de curso, tal e como explicou o conselleiro.
Os obxectivos deste plan, dotado con máis de 77M€ para os próximos catro cursos, son incrementar o nivel de competencias dos alumnos, personalizar o apoio educativo, mellorar a atención ás necesidades específicas, avanzar cara un ensino máis inclusivo e fortalecer a formación dos docentes.
En definitiva, o Plan MEGA nace para consolidar o sistema educativo galego como o máis inclusivo, líder en equidade e igualdade de oportunidades, tal e como indica o informe PISA. Ao mesmo tempo, traballarase no impulso do desenvolvemento do alumnado galego e os bos resultados académicos dos estudantes galegos.
“O vindeiro 11 de setembro comeza un curso chamado a marcar un antes e un despois no noso modelo educativo para responder aos retos actuais e queremos facelo da man de todos os axentes que o integran”, afirmou o conselleiro, recalcando que o Plan MEGA, sumado ao acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, supoñen os motores para a maior modernización do sistema educativo dos últimos 30 anos.
Análise exhaustiva do sistema
O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, que se porán en marcha ao longo do primeiro trimestre do curso escolar. Catro deles son iniciativas novas, en concreto o programa Promociona e os de reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática e apoio educativo para o alumnado estranxeiro. Outros dous son iniciativas xa existentes, pero reformuladas e actualizadas para dar resposta ás necesidades actuais. Trátase do programa PROA+ (Reforzo, orientación e apoio) e do de impulso de centros referentes.
Os seis programas están baseados nunha análise exhaustiva do sistema educativo. Neste sentido, o programa Promociona parte da decisión pioneira da Xunta de Galicia, ao abeiro do acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, de ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta.
Co obxectivo de que o sistema educativo galego continúe a ser o máis inclusivo de España, e tras avaliar durante o verán as necesidades e o profesorado, vaise dotar aos centros que concentren este alumnado de profesorado adicional para atender as necesidades específicas de atención educativa. Estes docentes estarán xa nos centros o primeiro día de curso, o vindeiro 11 de setembro.
Diagnose de cada centro
Ademais da devandita análise de matriculación e dotación docente, a Consellería conta xa cos resultados da avaliación de diagnose realizada o pasado mes de abril entre o alumnado de 4º de Primaria e 2º de ESO, coa participación de 19.061 alumnos de Primaria de 809 centros e 21.615 estudantes de ESO de 476 centros. En base aos resultados desta avaliación deseñáronse os programa PROA+ e de reforzo das competencias lectora e matemática.
O conselleiro anunciou que mañá se publicará a convocatoria do PROA+ reformulada e actualizada, dirixida aos centros con maior porcentaxe de alumnado vulnerable por cuestións socio-educativas, para reforzar a equidade e a igualdade de oportunidades. O obxectivo é que máis especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, cuxa presenza nos colexios se reforza a través deste programa, estean traballando nas aulas no mes de outubro.
Cada centro recibiu xa un informe individualizado sobre os resultados da avaliación de diagnose, que lle permite analizar as súas fortalezas e debilidades para así poder facer unha reflexión sobre as necesidades de reforzo. Para iso o informe establece seis niveis de desempeño competencial: que sabe facer o alumnado, con que solvencia, en que aspectos curriculares ten máis debilidades e cales están máis afianzados. Entre outra información, cada centro pode obter a puntuación media do alumnado de cada grupo, se o rendemento do alumnado do centro é mellor, inferior ou comparable co rendemento do alumnado doutros centros educativos de características similares ou a información sobre cada unha das competencias desagregadas por destrezas (por exemplo na competencia lingüística detállase a comprensión oral, a comprensión escrita e a expresión escrita).
A partir dese informe individualizado, os centros de Primaria e ESO deberán elaborar un plan de mellora para o que contarán co asesoramento e apoio da Consellería de Educación. Ademais, o departamento educativo da Xunta elaborará unha guía para o deseño dos plans de mellora, que porá a disposición dos centros.
Fortalecemento de áreas clave
Tamén conforme aos resultados da avaliación de diagnose, a Xunta decidiu impulsar o fortalecemento da competencia nas áreas clave, entre elas a comprensión lectora do alumnado galego, cun amplo abano de actividades que terán como eixe vertebrador a biblioteca escolar.
Partirase dunha auto-avaliación de cada centro e, entre outras medidas, proporase unha acción integral de formación docente para persoas coordinadoras dos plans de lectura dos centros e profesorado en xeral nas metodoloxías do proceso de lecto-escritura e estratexias para a aprendizaxe competencial da lectura, entendida como alfabetización múltiple, en diferentes soportes.
Ademais, buscarase establecer sinerxías con diferentes programas de innovación educativa e facilitaranse guías e recursos varios tanto para a elaboración dos plans de lectura como para a planificación e organización das distintas dinámicas de lectura e mediación lectora no contexto da aula. A maiores, promoverase a difusión das boas prácticas de centros referentes neste eido.
Pola súa banda, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar os resultados do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao xeito de aprender de cada un. Impulsarase a aprendizaxe competencial das matemáticas, identificaranse e difundiranse as boas prácticas ao respecto e poranse a disposición dos centros os recursos educativos axeitados para este fin.
Adiantarse a un novo reto
Galicia é a segunda comunidade con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro pero tamén aquela na que máis medran estes escolares. A Xunta de Galicia decidiu adiantarse a este novo reto co deseño dun programa específico galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro.
Ao seu redor organizaranse todas as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento académico persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar. O obxectivo é que o sistema educativo galego continúe a ser líder en igualdade de oportunidades e en tolerancia e respecto a outras culturas, como puxo de manifesto o informe PISA.
Cultivar o bo exemplo
O sexto programa, para o impulso de centros referentes, reformula e actualizada o plantexamento dos antigos contratos-programa e ten como finalidade promover as boas prácticas educativas, de tal xeito que os centros que desenvolvan iniciativas ao seu abeiro se convertan en exemplos en materia de inclusión, sostibilidade, benestar emocional ou convivencia, entre moitos outros aspectos, na comunidade educativa galega.
Esta iniciativa recolle a testemuña dos contratos-programa e dálle un novo enfoque, co obxectivo de impulsar o nacemento dunha rede de centros referentes que compartan os seus proxectos inspiradores co resto dos colexios e institutos.