A Xunta demanda ao Goberno Central un plan nacional de infraestruturas educativas para a súa adaptación pedagóxica, tecnolóxica e de sostibilidade

Román Rodríguez subliña a necesidade de deseñar, de maneira integral e consensuada, unha renovación dos edificios de colexios institutos acorde coas novas necesidades

Lamenta que asume en solitario estas melloras que supoñen “un esforzo inversor sen precedentes” debido á antigüidade e o volume do parque mobiliario educativo

Critica a “escasa credibilidade” do Estado ao destinar tan só 95M€ ao programa de reforzo de Matemáticas e Lingua fronte aos 500 millóns prometidos por Pedro Sánchez en campaña electoral

Mar, 30/07/2024 - 14:20
r

A Xunta de Galicia demanda ao Goberno do Estado que poña en marcha un plan nacional de infraestruturas educativas que permita a renovación e adaptación de espazos dos colexios e institutos públicos desde unha perspectiva pedagóxica, tecnolóxica e de sostibilidade, tal e como expuxo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, na Conferencia Sectorial de Educación celebrada esta mañá.

O titular de Educación do Goberno galego elevou esta proposta ao Ministerio de Educación logo de que o Parlamento de Galicia aprobara unha proposición non de lei neste sentido con apoio de todos os grupos parlamentarios agás o do PSdeG-PSOE. Na exposición da proposta, que foi apoiada por varias comunidades autónomas, o representante de Educación de Galicia fixo fincapé en que o plan se pode financiar con Fondos Europeos MRR, xa que “encaixa perfectamente” cos criterios de sostibilidade ambiental, eficiencia enerxética e creación de emprego, entre outros.

Román Rodríguez explicou que a día de hoxe son as comunidades autónomas as que “asumimos o cen por cen” das obras de mellora  que, no caso de Galicia, “son moi necesarias debido á antigüidade do noso parque inmobiliario e ao seu volume, con máis de 1.000 edificios que é necesario modernizalos e adaptalos ás novas metodoloxías, dotalos de máis e mellor tecnoloxía e facelos máis respectuosos co medio ambiente”.

“Pese a isto -lamentou- o Ministerio de Educación non achega fondos para a transformación das instalacións educativas”, cuestión que está a asumir integramente a Xunta de Galicia a través dun esforzo inversor sen precedentes. Proba disto son os 243M€ para obras de mellora que desde 2021 a Consellería está canalizando a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Tan só este verán, estanse a impulsar 535 obras por un importe de 12,5M€, o importe máis elevado dos últimos cinco anos neste período estival.

Así pois, Román Rodríguez insistiu na necesidade de que o Goberno do Estado “contribúa ao financiamento destas obras de rehabilitación” a través dun fondo específico de cooperación territorial dotado con fondos europeos para que as administracións autonómicas “poidamos dispoñer de máis recursos para mellorar a calidade de vida da nosa comunidade educativa”.  

Fondos insuficientes

Doutra banda, durante a súa intervención na reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o conselleiro lamentou a “escasa credibilidade” do Goberno do Estado ao destinar “tan só 95M€ para o conxunto de España” ao programa de reforzo de Matemáticas e Lingua, fronte aos 500 M€ “que Pedro Sánchez anunciou en plena campaña electoral en Galicia o pasado xaneiro”.

Román Rodríguez expuxo que os apenas 5M€ que lle corresponden a Galicia son “totalmente insuficientes” para levar a cabo os programas de mellora necesarios neste eido, máxime cando se partía dunha proposta inicial de 500M€.

Non obstante, e pese á falta de apoios por parte do Goberno central, Galicia continuará coa súa folla de ruta con accións específicas de apoio para consolidar un modelo educativo propio, baseado na calidade, na convivencia, na equidade e na igualdade de oportunidades. Non en balde, a comunidade galega é unha das que máis inviste por alumno.