A Xunta eleva a 300.000€ o orzamento para os comedores de escolares con discapacidade ao sumar un acordo co centro Lenda Educativa, de Carballo

Destinaranse case 7.700€ para facilitar o servizo a 15 usuarios deste colexio

Súmase aos acordos con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para 557 alumnos con necesidades

Lun, 15/07/2024 - 14:39
plato con mesas y tazas

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á subscrición dun acordo de colaboración coa sociedade cooperativa Lenda Galega, responsable do Centro de Educación Especial do mesmo nome en Carballo, para prestar o servizo de comedor escolar adaptado a 15 usuarios deste colexio ao longo do vindeiro curso. Destinarase un orzamento de 7.689,6€ para este fin. Este convenio ven a substituír ao tramitado anteriormente con ASPABE, que pechou o centro asumido agora pola devandita cooperativa.

 

Este acordo súmase aos xa autorizados con outras 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para facilitar o servizo de comedor escolar a usuarios do CEE Pontevedra. Deste xeito, o Goberno galego destinará o vindeiro curso 295.679,6€ a facilitar o servizo de comedor adaptado a 572 alumnos con necesidades educativas específicas escolarizados en centros especializados en atender a súa discapacidade.

 

Esta colaboración enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.

 

Deste xeito, as diferentes asociacións e entidades comprométense a facilitar ao alumnado discapacitado a utilización do comedor escolar, asumindo a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o remate das clases matinais e o propio remate do servizo de comedor. Cómpre sinalar o carácter educativo que para este alumnado con distintos tipos de discapacidades ten o comedor escolar, en canto ao aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.