A Consellería de Educación inicia o expediente para contratar o subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros de ensino de Galicia por case 15,6M€

Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato

O contrato poderá prorrogarse dous anos e contempla a posibilidade de modificar ata un 20% do importe de cada un dos 75 lotes para axustalo ás necesidades

Lun, 15/07/2024 - 14:31
Foto do exterior dun centro de ensino

O Consello da Xunta aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación do subministro de gasóleo de calefacción para 820 centros dependentes da Consellería de Educación, Ciencia Universidade e Formación Profesional en todo o territorio galego. Para tal fin destinaranse case 15,6M€ no período que vai do 26 de novembro deste ano (cando remata a prórroga do contrato anterior) e o mesmo día do ano 2026. Está previsto un consumo total de 14,7 millóns de litros de gasóleo tipo C nos dous anos de duración do contrato.

 

O obxectivo do contrato é garantir o subministro de gasóleo para o servizo de calefacción nos centros públicos, ao tempo que planificar a súa adquisición de xeito que se acade un maior grao de optimización e control na subministración deste produto.

 

O contrato inclúe a subministración do combustible para a calefacción de 820 centros, en concreto dos centros dependentes da Consellería que imparten ensinanzas de Educación Especial, Educación Primaria, Educación Infantil e Primaria, centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria, centros integrados de FP, centros de ensinanzas artísticas, escolas oficiais de idiomas, escolas e conservatorios de Música, escolas superiores de Arte Dramática, conservatorios de Danza e centros residenciais docentes. Exclúense do expediente todos aqueles centros que non utilizan este tipo de combustible para a calefacción pola extensión progresiva da biomasa, entre outros motivos, e aqueles outros nos que a existencia de instalacións compartidas e incluso en moitos casos, depósitos de combustible compartidos, facían imposible a oportuna separación do combustible utilizado e pagado polo centro, do utilizado e pagado pola outra entidade coa que comparten as instalacións.

 

En calquera caso, e dado que as necesidades educativas das zonas son variables, o prego de cláusulas administrativas prevé a posibilidade de modificación contractual sempre que a modificación non exceda do 20% dos litros de gasóleo de cada un dos 75 lotes nos que se divide o expediente, agrupados por criterios xeográficos. Tendo en conta estas posibles modificacións, así como a posibilidade de prorrogar o contrato por dous anos máis, o valor estimado de expediente ascende a máis de 30,9M€.

 

A petición dos centros

O gasóleo será subministrado de forma sucesiva, acorde cos encargos realizados polos centros receptores por correo electrónico. O contratista realizará a subministración dentro dos dous días hábiles seguintes ao do envío do encargo, ante o responsable do contrato derivado (director do centro) ou persoa en quen esta delegue a tarefa, quen asinará o albarán de entrega da subministración que a empresa contratista lle entregue.

 

O contratista asume no prezo ofertado todos os gastos derivados do transporte e entrega do combustible, e deberá proceder as entregas no prazo indicado con independencia das peculiaridades dos accesos aos depósitos dos centros peticionarios.

 

Para poder coñecer as ditas peculiaridades de acceso aos depósitos, os licitadores poderán, antes de presentar a súa oferta, solicitar a visita ás instalacións dos centros dos lotes aos que pretenda concorrer, poñéndose en contacto coas persoas que ostenten a dirección dos centros.

 

Coa finalidade de promover unha maior concorrencia e abrir o mercado a distribuidores minoristas, o acordo establece que cada empresa poderá concorrer á licitación dun máximo de 15 lotes e poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 lotes. Seleccionaranse as ofertas economicamente máis vantaxosas en atención ao desconto sobre o prezo semanal publicado no Boletín Oficial do Petróleo da Comunidade Europea (BOPCE).