O 75% dos centros educativos desenvolverán o vindeiro curso algún programa de plurilingüismo

Un total de 511 centros que imparten Infantil, Primaría, ESO ou Bacharelato participarán nestes programas, un 60% máis ca no curso 2017/18

Tamén se benefician desta iniciativa as etapas de Formación Profesional e as escolas de ensinanzas artísticas, cuxas convocatorias aínda se atopan en marcha

Máis auxiliares de conversa, seccións bilingües ou bolsas para acreditar o nivel de idiomas forman parte do paquete de medidas da Xunta nestas aprendizaxes

O informe de EF, considerado como a referencial na avaliación destas competencias, sitúa ao alumnado galego como o segundo con mellor nivel de inglés en España

Lun, 08/07/2024 - 17:52
p

O 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos na nosa Comunidade desenvolverán o vindeiro curso académico algún programa de plurilingüismo nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato. Así o recolle o informe analizado hoxe no Consello da Xunta, segundo o que 511 centros beneficiaranse desta iniciativa desde setembro, un 60% máis ca no curso 2017/18. Son 11 máis que no curso que vén de rematar, pero esta cifra aínda medrará, pois nestes momentos están en marcha as convocatorias para os centros de Formación Profesional (pendente de resolución) e de ensinanzas artísticas, en prazo de presentación de solicitudes ata o 17 de xullo.

Por etapas, 250 centros imparten plurilingüismo en Infantil. Isto multiplica por tres os que se sumaron á iniciativa desde a súa creación. En Primaria ou ESO, ou en ambas etapas son 460. Outros 15 centros formarán parte do programa en Bacharelato. A falta de datos do vindeiro curso para FP, cómpre lembrar que este ano formaron parte del 26 centros, así como dúas escolas de arte e superiores de deseño na Coruña e Lugo.

Esta fórmula -que implica impartir ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira, entre outras medidas e beneficios- comezou no curso 2010/11 en Primaria e Secundaria. A partir do curso 2017/18, a Consellería de Educación ampliouno a Infantil, Bacharelato e FP. Ademais, no curso 2022/23 completouse a oferta coas ensinanzas artísticas.

Avance na aprendizaxe de idiomas

Para facilitar este avance na aprendizaxe de idiomas (maioritariamente inglés), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ten despregados numerosos recursos a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe2030. Un dos máis destacados son os auxiliares de conversa de apoio, que no próximo curso acadarán a cifra récord de 665, o que multiplica por 100 os 67 que había en 2009. Grazas a estas iniciativas, o alumnado galego sitúase hoxe como o segundo con mellor nivel de toda España, segundo o informe de avaliación de EF, referencia nesta materia.

As persoas auxiliares achegan a realidade cultural e lingüística dos seus países de orixe, aportan a compoñente de multiculturalidade aos centros e levan a cabo un importante servizo complementario para o apoio ao ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira.

Ademais dos centros plurilingües, outros moitos optan por contar con seccións bilingües, na que un grupo de alumnos cursa unha área, materia ou módulo de materias non lingüísticas de maneira bilingüe. Trátase dunha iniciativa en marcha desde hai máis de 15 anos, que no seu momento foi pioneira en España, e que no curso que vén de rematar acadou as 5314 seccións. Para o próximo curso, a convocatoria debe aínda resolverse.

Acreditación do alumnado

A Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras contempla que o alumnado que participa na mesma debe finalizar a súa escolarización cunha acreditación dos niveis B1, B2 ou C1 co obxectivo de mellorar o seu acceso a outra formación superior ou ao mercado laboral.

Para facilitar a todo o alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e FP a certificación do seu nivel en linguas estranxeiras, a Consellería de Educación ofrece unha bolsa de 100€ por estudante para sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas

No curso 2023/24 participaron nestas probas financiadas pola Xunta un total de 5.500 alumnos. O número de prazas ofertadas multiplicouse por 6 desde 2017/18.