A Xunta incrementa nun 7,5% as prazas de formación para o profesorado, con especial fincapé nas competencias matemática, dixital e na FP
O conselleiro destaca o papel dos docentes como “formadores das novas xeracións e encargados de preparar aos galegos para os retos do presente e do futuro”
Cun orzamento total de 11,4M€, ofértanse 132.531 prazas en 6.172 actividades e un total de 130.136 horas de formación
Créase un novo itinerario para afondar nas matemáticas e mellóranse os centrados no programa E-Dixgal e nos polos creativos
Ao itinerario para novos docentes creado no actual curso súmase outro específico para os funcionarios en prácticas
No curso que vén de rematar formouse o 87% do profesorado galego e emitíronse máis de 76.500 certificacións
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan anual de formación do profesorado 2024/25, unha iniciativa a través da que a Xunta pon a disposición dos docentes un total de 132.531 prazas para reforzar e actualizar as súas competencias profesionais, un 7,5% máis ca no actual curso. Á presentación asistiron tamén os directores xerais de FP, Eugenia Pérez, e de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
O titular do departamento educativo da Xunta sinalou o papel dos docentes como “formadores das novas xeracións e encargados de preparar aos galegos para os retos do presente e do futuro”. “É fundamental poñer á vosa disposición as ferramentas necesarias para facelo con garantía de éxito nun marco de cambios constantes en metodoloxías educativas, dinámicas pedagóxica e transformacións sociais”, destacou.
Neste sentido, o conselleiro explicou que o plan inclúe un total de 130.136 horas, cun investimento total de 11,4M€, medio millón de euros máis. Serán un total de 6.172 actividades, dando especial protagonismo á formación en centros, contextualizada e personalizada, que supón o 73% das accións, seguida dos cursos e xornadas (21%) e a formación en liña (3%).
As restantes actividades (3%) serán un total de 180 estadías en centros de traballo, enmarcadas na liña de actuación específica para a capacitación do profesorado de FP e réxime especial.
Catro prazas por docente
“Con esta nova oferta, o curso que vén cada docente de Galicia disporá dunha media de catro prazas de formación”, explicou Román Rodríguez, nun plan que fai especial fincapé nas competencias matemáticas e dixitais e en todas as relacionadas coa FP. De feito, o conselleiro destacou o incremento das prazas nas accións específicas para docentes de FP e ensinanzas de réxime especial, máis de 17.000, o que supón 5.700 (50% máis) prazas máis, en consonancia coa súa enorme relevancia no sistema educación galego.
O obxectivo deste plan é facilitar o traballo dos docentes, como piar do sistema educativo, ofrecéndolles formación gratuíta que lles permita facer fronte aos novos retos do ensino do século XXI. “Queremos avanzar nos retos presentes e futuros como a dixitalización, a innovación educativa e as novas metodoloxías e apostar por accións formativas que nos permitan reforzar valores como a inclusión, a convivencia ou o plurilingüismo”, dixo o conselleiro.
“Este novo plan contribuirá a afondar nos novos currículos e a fortalecer as competencias en aspectos tan necesarios como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica, e seguir traballando por un modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”, rematou.
400 actividades novas
A oferta do Plan xeral (o que non está dirixido especificamente a docentes de FP) está organizada en seis liñas formativas prioritarias: dixital, que supón o groso da formación (32%), didáctica (28%), innovación (15%), convivencia e inclusión (15%) e comunicación e plurilingüismo (10%). Estas liñas concrétanse en 23 itinerarios, catro máis ca no curso 2023/24, con tres niveles de desenvolvemento cada un: básico, medio e avanzado. Dentro deles, hai 400 actividades formativas que son completamente novas ou foron actualizadas.
Entre as novidades cómpre salientar o deseño dun novo itinerario de fomento da competencia matemática dirixida ao ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria cun marcado enfoque práctico e baseado na resolución de problemas que acheguen os sentidos matemáticos á realidade do alumnado.
Incorpórase tamén un itinerario específico para o proxecto E-Dixgal, con actividades dirixidas a toda a comunidade educativa como as de manexo da plataforma para o profesorado, coordinación e dinamización para os coordinadores de centro, liderado dixital para as direccións e xornadas de achegamento ao programa para as familias.
Así mesmo, créase un itinerario para os funcionarios en prácticas, é dicir, os que acaban de superar a oposición, que se suma ao incorporado no actual curso para a formación integral dos docentes que entraban por primeira vez no sistema, e que adoitan facelo como interinos e substitutos. A maiores, actualízanse os itinerarios formativos de equipos directivos e novos docentes a partir de detección de necesidades
Tamén se redeseña o itinerario centrado nos polos creativos para potenciar a superación de retos, a creatividade e a experimentación nos centros educativos.
Innovación e adaptación á nova lei na FP
O Plan de capacitación para o profesorado de FP e Réxime Especial distribúese tamén en seis liñas de actuación e faise fincapé na de innovación tecnolóxica, científica e didáctica, que supón o 44%. Céntrase na adquisición de habilidades tecnolóxicas e aplicación de ferramentas e recursos deste tipo, así como nos enfoques didácticos innovadores.
A segunda liña de máis peso é a de acreditación de competencias e orientación profesional (18%), seguida da de competencias para a implantación da nova lei de FP (15%), a formación en alta especialización (11%), as tecnoloxías emerxentes na contorna da FP (8%) e as competencias lingüísticas profesionais (4%).
As principais novidades neste ámbito son a incorporación de actividades específicas para a impartición dos novos módulos incluídos na lei de FP que se empeza a aplicar a partir de setembro, en concreto os de Itinerario Persoal para a Empregabilidade I, Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos e Inglés profesional.
Tamén se suma unha nova liña de actuación centrada nas tecnoloxías emerxentes na contorna da FP, co obxectivo de facilitar a integración da intelixencia artificial, a internet das cousas, a realidade virtual ou a realidade aumentada, entre outras.
Ademais, no marco da liña de actuación de acreditación de competencias, introdúcese como novidade un Módulo ARA, módulo para formarse no procedemento de acreditación de competencias e orientación profesional dirixida a todo o profesorado, orientadores, equipos directivos, persoal experto non docente, dinamizadores...
Balance do curso 2023/24
No curso que vén de rematar realizáronse un total de 5.854 actividades, un 6% máis ca no curso anterior, das que 152 foron estadías en empresas ou organismos equiparados. Isto supuxo 122.073 horas de formación impartidas e 123.341 prazas ofertadas, das que gozaron máis de 31.370 docentes, o 87% do profesorado galego. A falta dos datos definitivos, emitíronse 76.574 certificacións, o que implica que o 85% dos participantes remataron satisfactoriamente a formación.
Neste ano académico intensificouse a liña de actuación para a acreditación das competencias dixitais do profesorado dentro do sistema educativo. A día de hoxe recibiron esta certificación 29.662 docentes. Así mesmo, concedéronse 69 licenzas de formación a docentes, cunha duración total de 206 meses e un orzamento de case 900.000 euros, con resultados e valoracións moi positivos.