A IV Enquisa de Convivencia Escolar constata unha mellora no clima nas aulas e case o 90% consideran que os conflitos son pouco frecuentes

Segundo o informe elevado ao Consello da Xunta, aumenta en todos os colectivos a percepción de que a convivencia mellora en comparación cos anos anteriores

Medra a porcentaxe de estudantes que afirma non ter padecido nin cometido condutas negativas, percepción compartida polas familias

Máis do 90% dos alumnos consideran que o seu é un centro inclusivo, onde todo o mundo é benvido, e a maioría da comunidade educativa amosa tolerancia cero coa discriminación e a desigualdade

Trátase do maior estudo que se fai en Galicia nesta materia e ten unha fiabilidade do 99%, co procesamento de 43 millóns de datos de máis de 172.000 enquisas

A Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 ampliarase o vindeiro curso con medidas como o reforzo das escolas de nais e pais e un plan de coeducación

Lun, 10/06/2024 - 18:41
c

O clima de convivencia nas aulas galegas segue mellorando. Así se reflicte no informe de resultados da IV Enquisa de Convivencia Escolar e Hábitos Sociais, elevado hoxe ao Consello da Xunta, segundo o que preto do 90% dos enquisados consideran que os conflitos son pouco frecuentes e non representan un problema xeneralizado. En xeral, obsérvase un aumento en todos os colectivos da percepción en relación coa mellora da convivencia escolar en comparación cos resultados de anos anteriores.

Trátase do maior estudo que se fai en Galicia nesta materia e ten unha fiabilidade do 99%. O cuestionario dirixiuse ao profesorado, alumnado a partir de 5º de Primaria ata Bacharelato e FP, persoal non docente e familias. Participaron 172.544 persoas e procesáronse 43 millóns de datos, o dobre da edición anterior, dado que se sumaron novos apartados. Ademais, por primeira vez incluíronse preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías, os roles de xénero ou vocacións, entre outros aspectos. Todos os detalles do informe de diagnose realizado a partir da enquisa presentaranse este martes no Consello Galego para a Convivencia Escolar.

No camiño cara a un sistema educativo cada vez máis inclusivo, a enquisa de diagnose da convivencia 2023 volve incluír un cuestionario pictográfico para facilitar a participación dos escolares que precisan asistencia. Ante a pregunta de como se sinte non centro, preto dun 90% deste alumnado manifesta sentirse feliz ou moi feliz.

Conflitos e espazos

Os principais conflitos de convivencia percibidos polo alumnado son non deixar dar clase (32,4%), faltar á clase sen causa xustificada (31,9%), agredir verbalmente (31%), chegar tarde á clase (29,2%), dicir mentiras sobre alguén (25,3%), poñer alcumes ou rirse doutro (24, 3%) e ameazar ou insultar (21,7%).

Entre os conflitos menos habituais están agredir fisicamente (12,4%), consumir drogas (alcohol, tabaco... 12,2%), entrar e saír da clase sen permiso (11,1%), roubar diñeiro ou material (10,7%), provocar, ridiculIzar ou insultar ao profesorado (9,32%), ameazar ou insultar usando as TIC (8,8%), acosar ou ciberacosar por ordenador ou móbil (7,7%), non cumprir as normas de convivencia do centro (3,6%) e observar actos vandálicos con danos no centro (2,3%).

En canto aos espazos e momentos onde se producen os conflitos, para o alumnado de ensinanzas obrigatorias o recreo é o momento no que máis se producen, mentres que os estudantes de maior idade consideran que os arredores do centro é o lugar onde tenden a xurdir con máis frecuencia.

Resolución pacífica

A resolución pacífica dos conflitos constitúe un factor de calidade na educación e un aspecto moi relevante na mellora da convivencia escolar e neste apartado cómpre destacar o papel do profesorado titor. Non en balde, a forma máis habitual de resolución de conflitos que adopta o alumnado é falando coa persoa titora individualmente (62,8%), seguida de falar entre todos (43,4%).

Pola súa banda, o 88,5% do profesorado consultado manifesta que adoita resolver os conflitos dialogando para intentar chegar a acordos ou tratando o conflito entre todos (76,5%). No caso das familias, máis dun 90% das familias consultadas afrontan a resolución de conflitos acudindo ao profesorado.

Menos condutas negativas

Ademais, medra a porcentaxe de alumnos que afirma non ter padecido condutas negativas, case un 73%, fronte ao 70% da enquisa anterior. A mellora do clima escolar dáse tanto nas ensinanzas postobrigatorias, cun 82,7% de rapaces que non sentiron este problema, fronte ao 75,9% de 2021, como nas ensinanzas obrigatorias, o 71,3%, fronte ao 68% de 2021.

Así mesmo, aumenta a porcentaxe de estudantes que declara non manter condutas negativas. Deste xeito, afirman non ter este patrón de comportamento o 85,3% dos alumnos (no 2021 foi máis do 80%). O 84,4% dos alumnos de ensinanzas obrigatorias di non cometer condutas contrarias á convivencia, fronte ao 83,6% da enquisa anterior; así como o 89,9% dos de ensinanzas postobrigatorias, seis puntos por riba do 75,9% rexistrado en 2021 para esta mesma pregunta da enquisa.

Os alumnos que declaran ter padecido estas condutas sinalan como as máis habituais que se riron deles (8,97%), que os insultaron (8,11%) ou que se difundiron rumores sobre eles (7,8%).

A maioría das familias consultadas, o 79%, afirman que os seus fillos non participaron en situacións que poidan afectar negativamente a outras persoas nin foron vítimas deses comportamentos.

Tolerancia cero

No que atinxe ás condutas do alumnado potencialmente positivas para a convivencia, máis do 80% respecta ao profesorado, atende ás explicacións, fai as tarefas encomendadas e cumpre as normas de convivencia, cunha mellora de arredor de cinco puntos na resposta a estas preguntas respecto da enquisa de 2021.

Ademais, os resultados da enquisa demostran que a galega é unha comunidade educativa moi sensibilizada e concienciada neste ámbito. De feito, máis do 90% do alumnado considera que todo o mundo é benvido no centro e unha maioría importante da comunidade educativa amosa tolerancia cero coa discriminación e a desigualdade.

Ao igual ca nas enquisas anteriores, unha gran porcentaxe de participantes manifestan un alto nivel de satisfacción co centro educativo ao que pertencen, ítem que mellorou sensiblemente respecto da enquisa anterior e que supón arredor do 90% entre o profesorado, o persoal de administración e servizos, as familias e o alumnado de 5º e 6º de Primaria. Tamén o 72,6% do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e o 77% do de ensinanzas postobrigatorias está satisfeito co seu centro.

Novas medidas

A enquisa enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta para o desenvolvemento de accións globais que teñen como obxectivo que cada alumno, en cada centro e en todas as etapas educativas, sexa quen de desenvolver ao máximo posible as súas potencialidades nun clima de cooperación, respecto e tolerancia.

A estratexia inclúe o Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar, co obxectivo da tolerancia cero neste tipo de conductas. Desde a súa aprobación, a Xunta ten desenvolvido diferentes medidas, como a limitación dos móbiles nas aulas, a instalación no 100% dos centros educativos dun punto laranxa para denunciar anonimamente posibles situacións e a formación dos Equipos de actuación contra o acoso escolar constituídos en cada centro.

Ademais, trabállase de xeito coordinado coa Consellería de Sanidade para apoiar ás vítimas, cun proceso de deriva prioritaria aos servizos de saúde mental, tanto para a diagnose como para a intervención terapéutica e en campañas de sensibilización, deseñadas para chegar especialmente á mocidade.

A maiores, a Consellería de Educación vai seguir desenvolvendo a estratexia con novas medidas, como o reforzo das escolas de nais e pais, a través do impulso de actividades de formación referidas ao uso responsable das TIC e ao ensino dixital.

Así mesmo, estase a traballar na elaboración dun plan de coeducación para afondar no tratamento da sensibilización, da prevención, da detección precoz e da intervención ante a violencia contra as mulleres, favorecendo a eliminación de estereotipos e da fenda de xénero na formación. Así mesmo, melloraranse os sistemas de resposta educativa ante a diversidade afectivo- sexual e de identidade de xénero.

Un cuestionario anónimo

Na IV Enquisa de Convivencia Escolar os cuestionarios tiveron diferentes versións en función do colectivo da comunidade educativa ao que vai dirixido e da etapa educativa do alumnado. Así mesmo, no marco da aposta pola inclusión, incluíuse un cuestionario pictográfico para facilitar a participación de todo o alumnado.

As preguntas foron sinxelas e directas, deseñadas para a súa resposta en liña a través dunha ferramenta informática que permitiu a recollida de datos de xeito automatizado e totalmente anónimo. Para manter a súa fiabilidade, validez, consistencia interna e a trazabilidade dos resultados, conservouse o groso das preguntas da primeira e segunda edición. Por primeira vez este ano incorpórase un bloque específico de preguntas do ámbito da igualdade, outro relacionado coas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación, e un terceiro sobre orientación vocacional.