A Xunta achega máis de 1,5M€ para consolidar o vínculo con Galicia de seis investigadores excelentes recoñecidos polo Consello Europeo de Investigación

Destina unha axuda complementaria á concedida pola entidade europea para financiar investigacións desenvolvidas nas universidades de Santiago e A Coruña

O Goberno galego leva investidos máis de 22,6M€ en apoiar a participación dos investigadores da comunidade nos programas ERC, un dos máis prestixiosos

Lun, 10/06/2024 - 18:29
g

A Xunta de Galicia vai achegar ás universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC) 1.555.000€ para financiar os traballos liderados por seis investigadores excelentes, cuxo traballo está recoñecido polo Consello Europeo de Investigación (ERC). O obxectivo desta axuda, aprobada polo Consello da Xunta e que é complementaria ás concedidas pola entidade europea para os programas Consolidator Grants e Starting Grants, é consolidar o vínculo destes científicos co Sistema Universitario de Galicia.

Cómpre salientar, ademais, que cinco das seis persoas á fronte dos proxectos financiados están contratados pola Xunta ou co apoio da Xunta. De feito, catro son investigadores distinguidos contratados a través do programa Oportunius e outro forma parte do programa Ramón y Cajal, cuxa contratación complementa tamén o Goberno galego.

O número de axudas do Consello Europeo de Investigación é un dos máis prezados indicadores de excelencia científica de países e rexións e pon de relevancia o talento e o liderado internacional do seu persoal científico. Con 31 investigadores beneficiarios, Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior volume de proxectos ERC e a segunda con maior taxa de éxito, é dicir, con maior porcentaxe de propostas efectivamente presentadas en relación ás financiadas.

O Goberno galego leva investidos máis de 22,6M€ en apoiar a participación dos investigadores da comunidade nos programas ERC. Por unha banda, desde 2012 asináronse varios convenios coas tres universidades públicas para achegar axudas complementarias para consolidar o vínculo destes investigadores en Galicia, cun importe total que con este novo acordo se eleva máis de 8,8M€.

A maiores, a través do programa Oportunius apóiase a todos os gañadores das ERC, aos finalistas, así como as propostas avaliadas e os participantes talleres formativos. Isto supuxo un investimento total de máis de 13,8M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 da iniciativa.

Ámbitos das investigacións financiadas

As universidades destinarán as axudas aprobadas neste Consello a financiar as actividades referidas aos proxectos a cargo destes investigadores, catro deles coordinados pola USC e outros dous pola UDC. No caso da Universidade de Santiago, apóiase o proxecto ProtonMBR, liderado pola Consolidator Grants Yolanda Prezado, que contribuíu á concepción dunha nova técnica de radioterapia, con mini-faces de protóns. Continúa investigando para reducir as toxicidades e desentrañar dianas moleculares chave para mellorar o índice terapéutico da radioterapia.

Así mesmo, finánciase PollutedPast, liderado pola Consolidator Grants Olalla López-Costas, que explora a conexión entre o ser humano e o ambiente no pasado, en concreto para coñecer o impacto dos metais na vida e saúde das persoas en épocas anteriores.

No que atinxe aos investigadores Starting Grants, o proxecto dirixido por Diego Robledo, FishTRIM, investiga a evolución e a función das proteínas TRIM en varias especies de peixes, co obxectivo de entender a súa relevancia biolóxica; mentres que o capitaneado por Manuel Souto, ELECTROCOFS, ten como obxectivo deseñar novos eléctrodos redox-activos para o seu uso en baterías recargables.

Os dous proxectos coordinados pola Universidade da Coruña teñen á fronte investigadores Consolidator Grants. O liderado por Daniel Nieto, HOT-BIOPRINTING, céntrase na biofabricación e bioimpresión 3D de tecidos e órganos artificiais que repliquen fielmente os tecidos e órganos humanos. Pola súa banda, Jaime Martín Pérez traballa con PARACRYST para desvelar a estrutura dos polímeros semicondutores. Alcanzar este coñecemento posibilitará grandes avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares orgánicas máis estables e eficientes.