A Xunta concederá 20 premios extraordinarios ao rendemento académico ao alumnado que remate este curso a ESO con resultados excelentes

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 6 de xullo para optar a lograr un galardón dotado con 1.000€ e un diploma acreditativo

Xov, 06/06/2024 - 14:35
Vista das mans dun alumno escribindo na libreta no seu pupitre

O alumnado que remate este curso 2023/24 os estudos de ESO con resultados excelentes poderá optar aos premios extraordinarios ao rendemento académico. A Xunta de Galicia abre a convocatoria na que un total de 20 alumnos poderán obter este galardón, dotado con 1.000 euros e un diploma acreditativo.

 

Para poder acadar este premio, os interesados deberán ter obtido no conxunto dos catro cursos da ESO unha nota media igual ou superior a nove puntos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de xullo, e formalizaranse preferiblemente por medios electrónicos a través da aplicación dispoñible no Portal Educativo ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

O alumnado deberá realizar, a maiores, un exame presencial sobre materias de 4º da ESO que terá carácter único en todo o territorio galego e que se celebrará o 4 de setembro. A proba estruturase en dúas partes. A primeira delas constará de diversas cuestións referidas ás materias Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura (agás exencións recoñecidas) e Primeira lingua estranxeira. Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e prácticas de Xeografía e historia, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas (a escoller) e dunha das seguintes materias a escoller: Bioloxía e xeoloxía, Economía, Física e química, Latín, Ciencias aplicadas á actividade profesional, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial ou Tecnoloxía.

 

A primeira parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas, mentres que a segunda parte contará cun tempo máximo de 90 minutos. Os exercicios cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal e para poder aspirar ao premio, o alumnado participante deberá obter, como mínimo, 5 puntos en cada unha das materias.