A Xunta mellora o modelo galego de ensino híbrido coa nova plataforma cREAgal, que permitirá crear contidos interactivos de calidade e personalizados

Esta ferramenta foi deseñada por máis dun centenar de docentes e contribuirá a reforzar a atención á diversidade e o seguimento individualizado do alumno

A través dela, ofrécense recursos educativos innovadores gratuítos e en aberto, materiais que o profesorado poderá deseñar e adaptar ao seu uso na aula

Con este proxecto, enmarcado na Estratexia Educación Dixital 2030, a Consellería de Educación atende a unha demanda da comunidade educativa

Lun, 27/05/2024 - 18:17
c

A Xunta de Galicia vai reforzar o modelo galego de ensino híbrido coa posta en marcha, a partir do vindeiro curso escolar 24-25, da plataforma cREAgal, unha ferramenta innovadora de acceso gratuíto e aberta ao conxunto dos centros escolares que incorpora propostas metodolóxicas e contidos curriculares que abranguen todas as áreas de coñecemento e dá resposta a unha demanda da comunidade educativa, pois se melloran deste xeito os contidos dos que dispoñen a diario para traballar en distintos niveis.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional elevou ao Consello da Xunta un informe sobre a entrada en funcionamento deste novo recurso que permitirá o desenvolvemento de contidos interactivos e personalizados para mellorar a atención á diversidade de necesidades na aula, o seguimento individualizado do alumnado e a orientación en base ás súas preferencias. Trátase, por tanto, de facilitar que o profesorado, a través desta nova ferramenta, poida desenvolver recursos de calidade que dean resposta ás necesidades específicas da súa aula e dos seus estudantes.

Deste xeito, a partir do vindeiro curso 2024-25, cREAgal ofrecerá recursos educativos en aberto, uns materiais que o profesorado poderá libremente adaptar á súa aula de acordo coas estratexias pedagóxicas e metodoloxías innovadoras que desenvolven. Os materiais que nutren a plataforma foron deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes, que traballaron no último ano na preparación da plataforma.

Materiais vencellados aos currículos

Todos os recursos son gratuítos a través das aulas virtuais de cada centro; teñen un alcance global, xa que cobren integramente todos os currículos das áreas e materias desde 5º de Primaria ata 4º curso de ESO, e un enfoque universal, xa que poden utilizalo todos os centros. Ademais, cada recurso acompañarase dunha guía didáctica na que se se expón unha situación de aprendizaxe, o reto que o alumno debe alcanzar, o produto final que ten que desenvolver, así como os criterios de avaliación de competencias.

A Consellería comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-23 co deseño das bases piloto dos recursos educativos en aberto, que xa este curso se foron perfilando para 5º de Primaria e que se irán implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO (xa que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral).

Avanzar na calidade e equidade do ensino

Na súa utilización práctica, cREAgal vai favorecer avanzar un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, xa que a flexibilidade e adaptabilidade dos recursos didácticos que aporta fan que o proceso de ensino-aprendizaxe sexa máis efectivo e inclusivo. Ademais, promove a aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais, e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas, desenvolve a súa autonomía e saca conclusións útiles para seguir.

O proxecto cREAgal enmárcase na Estratexia de Educación Dixital 2030, que ten entre as súas accións de impacto xerar un ecosistema dixital adecuado nos centros educativos e formar tanto a profesorado como a alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías, para o cal é prioritario abordar a constante mellora dos contidos dixitais.

Así mesmo, con este novo recurso, Galicia avanza no cumprimento das normativas europeas e estatais de asegurar as competencias dixitais do alumnado e blindar a igualdade de oportunidades, facilitando igualmente o traballo dos seus docentes.