A Consellería de Cultura e Educación reúne no CIFP Politécnico de Santiago a 300 expertos no eido da convivencia escolar

No marco da Xornada sobre convivencia escolar 2012 presentouse o novo portal web de Convivencia Escolar que vén de lanzar a Consellería

Sáb, 10/03/2012 - 10:35
Novo portal web de Convivencia Escolar
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, durante a súa intervención

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe no Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago a 300 docentes e expertos no eido da convivencia escolar, nunha xornada impulsada no marco das actuacións que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a desenvolver para a mellora do clima nas aulas.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, inaugurou esta Xornada sobre convivencia escolar 2012, na que ademais anunciou que está previsto a creación dun novo portal web sobre convivencia.

Neste sentido, o director xeral explicou que o portal dará a coñecer a toda a comunidade educativa as diferentes iniciativas que se levan a cabo no ámbito da mellora da convivencia e da prevención de conflitos, tendo en conta a importancia dun clima escolar adecuado para acadar os obxectivos académicos establecidos, e con isto previr o fracaso e o abandono escolar.

A web de convivencia intégrase no portal educativo da Consellería como un dos sitios temáticos do mesmo. O novo web pretende ser un lugar que permita, entre outras cousas, o intercambio de experiencias dos distintos profesionais implicados en temas relacionados coa convivencia escolar. Con este obxectivo, consta de distintos apartados nos que se poderá acceder á información referente a esta temática, tales como o de  ‘Observatorio da Convivencia’, onde se coñecerán os tres niveis que o conforman, así como os membros que os compoñen; ou ‘Plan Convivencia’, que servirá para difundir os distintos plans que se están a poñer en marcha nos centros educativos neste eido.

No apartado ‘Recursos’ poderase acceder a distintos materiais que permitirán o traballo de aula e documentarse sobre temáticas referentes á convivencia escolar (artigos, bibliografía, etc); unha información que completa á normativa específica sobre a temática, tamén dispoñible no web, e aos contidos da sección ‘A un click’, desde a que se poderá acceder a distintas publicacións, así como a enlaces de interese entre os que se encontran os portais de convivencia das distintas comunidades autónomas.

Ademais, o apartado ‘Servizos’ ofrece un enlace á ferramenta informática ‘convivenciaxestion’, que está nestes momentos a disposición dos equipos directivos dos centros educativos, coa finalidade de establecer un diagnóstico da convivencia nos centros de ensino.

Relatorio e mesas redondas

A xornada impulsada polo departamento educativo da Xunta de Galicia ten o obxectivo de dar a coñecer plans, medidas e iniciativas que favorezan a convivencia nos centros educativos; promovendo as relacións pacíficas, a tolerancia e os valores democráticos no seo da comunidade educativa. Así mesmo procúrase difundir estratexias para implicar aos membros da comunidade educativa na prevención e solución de problemas de convivencia.

Tras a presentación do novo portal web, Elvira Casal García, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, comezou a xornada coa exposición do contido da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa; nunha presentación na que explicou tamén o seu contexto histórico, estrutura e obxectivos. Así mesmo, destacou o seu carácter innovador, non en balde cómpre lembrar que esta Lei aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar.

O programa contempla para a mañá o desenvolvemento de dúas mesas redondas, sobre a mediación e o acoso escolar; e un relatorio no que Mª José Lera, da Universidade de Sevilla, presentará o programa Golden 5, de estratexias para mellorar a xestión da aula, as relacións, o clima escolar, as relacións coa familia e o axuste ás diferenzas na aprendizaxe. Ambas as mesas contarán coa participación de docentes con experiencia no ámbito, como Javier García Barreiro - do IES Fisterra- e Teresa Domínguez Pérez - do CRA Mestra Clara Torres-, que abordarán as fases do proceso de implantación dun servizo de mediación e a colaboración do alumnado no mesmo. Doutra banda, a mesa redonda sobre acoso escolar conta coa participación de Julio González Chas, que presentará o Plan Director da Garda Civil, en referencia á actuación policial nos casos de acoso escolar. Ademais Sergio Clavero – do IES de Cacheiras-Teo- afondará en cuestións como a creación audiovisual para a sensibilización en temas sociais.

Pola tarde a xornada continuará cunha mesa redonda arredor do traballo en rede e a escola aberta ao seu barrio e contexto, que contará coa participación de Dolores Sanz Lobo – IES Antón Fraguas- e de Eva Mª González Santiago, do departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago.

O encontro pecharase arredor das accións preventivas e a intelixencia emocional, coa participación de Carmen Buitrón – CPI de Viaño pequeno-, Esther Domínguez Dubra – CEIP Ortigueira- e Esther Mato Méndez – IES de Chapela-, esta última mención honorífica nos 'Premios Irene 2011: la paz empieza en casa' , dirixidos a colaborar, desde o sistema educativo, coa erradicación da violencia e a promoción da igualdade real entre mulleres e homes.