A Xunta amplía a súa colaboración coa Comisión Fulbright para que cinco mozos poidan completar a súa formación artística nos Estados Unidos

Galicia é pioneira entre as comunidades autónomas no establecemento desta iniciativa de colaboración na que se inviste un total de 275.930€

O Goberno galego asume o 60% do importe das bolsas, destinadas a gastos de viaxe, manutención dos bolseiros, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias

Xov, 23/11/2023 - 15:40
f

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á ampliación do acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América (Comisión Fulbright) en materia de cultura.

O obxectivo desta cooperación é que cinco mozos que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional poidan completar os seus estudos nos Estados Unidos coas bolsas que se conceden ao abeiro desta iniciativa. Galicia é comunidade pioneira, e a única, no establecemento deste tipo de programas de bolsas en colaboración coa Comisión Fulbright.

A Xunta de Galicia achegará un importe de 165.000€, o que supón o 60% do total. Estas cantidades estarán destinadas a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa parte, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha aportación de 110.930€ correspondente a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.

Así mesmo, será Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Farase cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos. Ademais, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados pola Comisión e, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.S. Department of State.

Estas bolsas redundarán tanto na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Nos últimos 30 anos participaron no programa da Comisión Fulbright, un dos máis potentes instrumentos de diplomacia pública coñecidos, profesionais que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional como o artista Francisco Leiro, o pintor Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego entre os anos 2016 e 2019. Nas tres últimas convocatorias participaron 15 bolseiros que estudaron en institucións de Massachusetts, Nova York ou California.

Plan Xeración Cultura

Esta é unha das numerosas iniciativas que se enmarcan no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Consellería de Cultura que reforza ao sector cultural galego. Con este convenio, a Xunta de Galicia quere seguir favorecendo e mellorando o ecosistema das industrias culturais, pois os participantes no programa rematan os seus estudos nos centros máis prestixiosas no ámbito das artes e da cultura de Estados Unidos.

Na última convocatoria, que se está desenvolvendo con plena satisfacción das partes, foron seleccionados dúas mulleres e tres homes, que completan ao abeiro destas bolsas a súa formación en artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, así como nas áreas de música e musicoloxía, museoloxía e conservación do patrimonio e en xestión cultural.