As Bibliotecas Escolares Galegas fanse con 11 dos 41 premios nacionais aos Clubs de Lectura

O primeiro premio a nivel nacional para centros de Infantil e Primaria foi para o Colexio CEIP de Curtis

Recoñécese tamén o traballo de centros da Coruña, Boiro, Brión, Carral, Fisterra, Quiroga, Ourense, A Lama, Bueu e O Grove

A Xunta convoca os programas Clubs de Lectura, Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias para os centros que desexen sumarse este curso

Mar, 03/10/2023 - 14:19
b

A excelencia das bibliotecas escolares galegas acaba de ser avalada con 11 dos 41 premios nacionais aos Clubs de Lectura correspondentes ao curso 2022/23, case o 27% do total. Estes galardóns teñen o obxectivo recoñecer o potencial destes grupos como elemento destacado para o fomento da lectura entre os membros da comunidade educativa e o seu papel como factor dinamizador das actividades da biblioteca escolar.

A relación de centros galegos premiados, divididos en dúas modalidades (a A para centros de Primaria e a B para o resto) é a seguinte:

 

Premio

Provincia

Concello

Centro

Modalidade e categoría

Primeiro

A Coruña

Curtis

CEIP de Curtis

Modalidade A. Municipios de menos de 5.000 habitantes

Segundo

A Coruña

Brión

IES de Brión

Modalidade B. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Segundo

Lugo

Quiroga

IES de Quiroga

Modalidade B. Municipios de menos de 5.000 habitantes

Segundo

Ourense

Ourense

CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro

Modalidade A. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Segundo

Pontevedra

A Lama

Centro de Promoción de Adultos Nelson Mandela

Modalidade B. Municipios de menos de 5.000 habitantes

Terceiro

A Coruña

A Coruña

CEIP Emilia Pardo Bazán

Modalidade A. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Terceiro

A Coruña

Boiro

IES Espiñeira

Modalidade B. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Terceiro

A Coruña

Carral

CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel

Modalidade A. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Terceiro

A Coruña

Fisterra

CPR Ntra.Sra. del Carmen

Modalidade B. Municipios de menos de 5.000 habitantes

Terceiro

Pontevedra

Bueu

CEIP Plurilingüe Montemogos

Modalidade A. Municipios de máis de 5.000 habitantes

Terceiro

Pontevedra

O Grove

CEIP As Bizocas

Modalidade A. Municipios de máis de 5.000 habitantes

 

Precisamente hoxe, e para seguir continuando con esta senda de éxito, a Xunta vén de publicar a nova convocatoria dos Clubs de Lectura e doutros tres dos programas más destacados dentro da folla de ruta neste eido, o Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe). Son, en concreto, a de Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de outubro.

Deste xeito, a través da nova convocatoria, está previsto que este curso funcionen en Galicia un total de 450 Clubs de Lectura, coa incorporación de 49 novos. Valóraranse especialmente aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo do alumnado coa lingua e a literatura galegas. Da mesma forma, puntúanse especialmente aquelas iniciativas destinadas a fomentar a diversidade na participación nos grupos de lectura, tanto por parte do alumnado coma do resto da comunidade educativa.

No caso de Radio na Biblio, está previsto incorporar 30 centros a esta iniciativa, que se sumarán aos 167 xa participantes. Este programa ten por obxecto desenvolver o modelo de biblioteca cara centros creativos de aprendizaxes e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Pola súa banda, Biblioteca Creativa busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través da creación e a experimentación. Trabállase a prol de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. A previsión é de seleccionar 25 novos centros, que se sumarían aos 148 integrados en convocatorias precedentes.

O programa Lectura e familias conta xa coa participación de 94 centros, aos que está previsto sumar 25 máis na nova convocatoria. A través desta iniciativa deséñanse iniciativas que favorecen a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, como experiencias de lectura ou de traballo coa información e medios de comunicación, entre outras.