Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, convocatoria para o ano 2023
Xúntase a Orde do 6 de xullo de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedementos ED481B e IN606B).
Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 20.07.2023
Código do procedemento: ED481B
Prazo de presentación de solicitudes: 1 mes a partir do día seguinte ao de publicación da convocatoria no DOG ( ata o 21/08/2023 )
Cal é o obxecto destas axudas?
A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Ademais, as entidades solicitantes poderán presentar a persoas investigadoras que opten a acadar a condición de bolseiras Fulbright.
Novidades desta convocatoria:
-
A duración global da axuda segue a ser dun máximo de tres anos.
-
A duración das estadías será dun mínimo de 20 meses e un máximo de 24 meses de forma continuada e deberán desenvolverse durante as anualidades 2024 e 2025, tendo en conta as características indicadas no artigo 5 das bases da convocatoria. As solicitudes das persoas candidatas a obteren a condición de bolseiras Fulbright terán que realizar un período mínimo de 20 meses e un máximo de 24 meses de estadía que, de forma obrigatoria, deberá desenvolverse integramente nos EUA.
-
De acordo coa modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, inclúese unha axuda que permite cubrir o custo da indemnización por expiración do tempo convido do contrato laboral que asinen coas entidades beneficiarias as persoas seleccionadas ao abeiro desta convocatoria.
Quen pode solicitar estas axudas?
-
A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financia as universidades do Sistema Universitario de Galicia (en adiante, SUG).
-
A Axencia Galega de Innovación financia ás entidades alleas ao SUG: organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
Tipo e intensidade da axuda:
-
Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
-
Tipo de axuda: axuda a fondo perdido
-
Intensidade da axuda: 100 %
-
Duración das axudas: un máximo de 3 anos
-
Orzamento total: 7.575.340,00 euros (a achega por parte da Axencia Galega de Innovación será de 1.388.940,00 euros namentres a da Secretaría Xeral de Universidades será de 6.186.400,00 euros)
Número e importe das axudas
Poderanse conceder ata 49 axudas, coa seguinte distribución:
-
40 para as universidades do SUG, das cales 10 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
-
9 para as demais entidades, das cales 2 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.
Os importes destas axudas son os seguintes:
-
32.000 € brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais
-
Un complemento por cada mes de estadía de:
-
1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1)
-
1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2)
-
2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3)
-
-
Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía nos EUA para as solicitudes daquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.
-
Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas.
-
Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total de 3.160,00 euros.
A onde acudir?
-
Para solicitudes presentadas por universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG):
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES
SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA
SERVIZO DE XESTIÓN CIENTÍFICO-TECNOLÓXICA
San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881995152 / 881995980
Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
Información web: http://www.edu.xunta.gal
-
Para solicitudes de organismos públicos de investigación de Galicia, fundacións de investigación sanitaria de Galicia e centros do CSIC radicados en Galicia:
AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n
15702 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881999213 / 981543991
Email: axudas-rrhh-xestion.gain@xunta.gal
Información web: http://gain.xunta.gal
Orde do 6 de xullo de 2023 Orde do 6 de xullo de 2023 (DOG) Extracto da Orde do 6 de xullo de 2023 (DOG) Modelo declaración doutoramento Modelo plan estadías Modelo de certificación GI Preguntas frecuentes Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas Corrección de erros da listaxe provisional Listaxe definitiva de solicitudes admitidas e excluídas Proposta de concesión ED481B_2023 Resolución de concesión posdoutorais inicio_ED481B_2023 (DOG) 2ª Resolución de concesión posdoutorais inicio_ED481B_2023 (DOG)