Convocatoria pola que se establece o procedemento de selección de centros sostidos con fondos públicos que desexen participar no programa LÓVA para o curso 2023/2024
LÓVA (La ópera, un vehículo de aprendizaxe) é un proxecto do Teatro Real que conta con máis de dezaseis anos de experiencia e coa participación de 18.000 alumnos/as procedentes de centros de educación primaria, secundaria, educación especial e doutros colectivos sociais. Esta iniciativa propón que o alumnado experimente a experiencia de ser membro dunha compañía de ópera que traballará ao longo de todo o curso escolar 2023/2024 co obxectivo de representar finalmente a súa propia produción operística.
Esta convocatoria vai dirixida aos centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Galicia que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial e ciclos de formación profesional básica (FP básica).
- Os centros educativos interesados en participar no proxecto LÓVA deberán inscribirse a través da aplicación informática Fprofe, na pestana de “convocatorias”, ata o 9 de xuño de 2023 inclusive.