Resolución do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua de Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que este viviu.
Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Desde a fiestra de don Paco, elaborada polo CEIP Juan Rey, de Lourenzá (Lugo).
Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada é Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego, do IES Castelao, de Vigo (Pontevedra).
Cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas.
O centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).
A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior, bibliotecas e outros; e tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola SXPL e polos equipos de dinamización da lingua galega.
A SXPL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo da comunidade educativa.
Pódese consultar a Resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2023 no documento anexo.