Alumnos de FP competirán na II Olimpíada Galega de Formación Profesional en 20 Skills

Os gañadores de GaliciaSkills 2012 representarán á Comunidade na 34 edición da Olimpíada da Formación Profesional SpainSkills 2013

O número de especialidades profesionais en competición increméntase ata 20 nesta edición do certame

O equipo galego foi o segundo máis premiado na última edición das olimpíadas nacionais

Xov, 12/01/2012 - 11:50
Alumnos de FP competirán na II Olimpíada Galega de Formación Profesional en 20 s
Alumnos de FP competirán na II Olimpíada Galega de Formación Profesional en 20 skills

Alumnas e alumnos de Formación Profesional de toda Galicia competirán o vindeiro mes de outubro nas 20 skills convocadas a concurso na II Olimpíada Galega de Formación Profesional, ‘GaliciaSkills 2012’, organizada pola Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria.

Desta forma o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá un novo impulso á FP galega, que vén colleitando uns excelentes resultados nos certames de competencias profesionais a nivel nacional. De feito o alumnado galego competiu en 20 das 32 especialidades en competición en SpainSkills 2011,  e foi premiado con 2 medallas de ouro, 4 de prata, 4 de bronce e 3 mencións de excelencia. Isto supón un grande impulso a FP galega, como demostra o feito de que Galicia ocupara o terceiro posto en número total de medallas por Comunidade Autónoma.

Por outra banda, no ámbito galego e tras a gran acollida da primeira edición de GaliciaSkills, a Consellería volve convocar este campionato, do que sairán os nosos representantes galegos na olimpíada a nivel nacional. Así, o alumnado gañador do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que se celebrará en Madrid do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2013. Este alumnado, xunto con tres xefes de equipo (profesores titores), conformarán a representación galega en SpainSkills 2013.

Estas olimpíadas galegas da Formación Profesional teñen como obxectivo a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros galegos, e potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes. Ao tempo, búscase motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP, e recoñecer e estimular o labor do profesorado.

Máis competencias

Neste segunda edición GaliciaSkills incrementa o número de especialidades (ou skills) en competición, desde as 12 do primeiro certame ata as 20 nas que o alumnado galego de FP poderá demostrar a súa competencia  o vindeiro mes de outubro. Deste xeito, incorpóranse á convocatoria as modalidades de Torneado, Fresado, Soldado e alicatado, Electrónica, Control Industrial, Pastelaría, Xardinaría paisaxística e Deseño Gráfico. A relación de skills nos que haberá competición, e a súa formación asociada, é a seguinte:

Cada centro poderá presentar a este campionato un competidor por skill, coa excepción do de xardinaría paisaxística, no que participarán dous alumnos por centro. Será o centro quen determine o sistema de selección dos seus competidores. Os que queiran presentar competidor a esta olimpíada poden atopar os impresos de solicitude no portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal/fp/galiciaskills. O prazo de inscrición é do 1 de febreiro ao 31 de marzo de 2012.

Os competidores serán alumnos matriculados en ciclos formativos que voluntariamente queiran participar, e terán unha idade máxima de 21 anos cumpridos durante o ano 2012. Todos eles irán acompañados dun profesor do centro, que actuará como o seu titor e que se encargará da súa preparación para a competición. Non poderá existir ningún tipo de contacto nin intercambio de información durante a realización das probas entre o competidor e o seu titor. A duración de cada competición estará entre media e unha xornada, segundo as características das probas que se teñan que desenvolver.

Premios

Haberá dous premios por skill. O alumnado gañador do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que se celebrará en Madrid do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2013. Este alumnado, xunto con tres xefes de equipo (profesores titores), conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2013.

Ademais, todos os alumnos participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado no certame; mentres que os profesores que os acompañen recibirán a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa Galiciaskills 2012, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.

Menús News node R