Resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2022
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que este viviu.
Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución co centro gañador.
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, elaborada polo CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, de Rubiá (Ourense): un harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración, na procura de difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo.
A exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas.
Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, o premio queda deserto por non presentarse ningún traballo.
O centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha da exposición seleccionada obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).
A colección de 10 carteis que integra a mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior, bibliotecas e outros; e tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais especialmente elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.
A SXPL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo do profesorado e do alumnado pero que este ano é aínda máis meritoria por mor das dificultades ocasionadas polas circunstancias da pandemia.
Pódese consultar a resolución no documento anexo.