Román Rodríguez destaca un investimento este ano de 12,5M€ en obras educativas na área de Vigo como mostra do compromiso da Xunta coa mellora do ensino

Lembra, ademais, que Vigo é a cidade con maior investimento educativo de Galicia, con máis de 25M€ desde 2009

O proxecto no conservatorio enmárcase no paquete de 13 actuacións que a Xunta está a licitar na área, por importe de 7,2M€, e que se suman ás 65 melloras que se están desenvolvendo este verán, cun orzamento de máis de 3,8M€

Así mesmo, culmínanse obras nos institutos Santa Irene, Castelao e de Salvaterra de Miño, entre outras, por importe de máis de 1,5M€

Xov, 26/08/2021 - 15:11
vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde destacou que o investimento de case 12,5M€ este ano en melloras en centros educativos da área de Vigo é unha nova mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa cidade e a súa contorna. Lembrou, ademais, que Vigo é a cidade con maior investimento educativo en obras de Galicia, máis de 25M€ desde 2009.
Tal e como explicou o representante da Xunta de Galicia, a actuación no conservatorio enmárcase no paquete de 84 actuacións que a Xunta está a licitar antes de fin de ano, por importe de case 40M€, das que 13 (incluíndo a do conservatorio) se desenvolverán en centros escolares da área viguesa, cun orzamento de 7,2M€. Neste paquete, sinalou, inclúense tamén actuacións como “a do IES San Tomé de Freixeiro, un proxecto de rehabilitación integral pensando na eficiencia enerxética, ou as melloras que imos desenvolver no CEIP Virxe do Rocío e no IES Alexandre Bóveda".
Ademais, expuxo que o Goberno galego está a acometer este verán 557 actuacións de mellora en centros educativos de toda a Comunidade, cun orzamento de 30M€, das que 65 se desenvolven na área de Vigo, por importe de máis de 3,8M€. Así mesmo, remátanse ou recíbense outras tres obras en centros da zona, por importe de máis de 1,5M€, entre elas a rehabilitación integral do IES Santa Irene, as cubertas do instituto Castelao ou a ampliación do IES de Salvaterra de Miño.

Neste sentido o conselleiro lembrou que “no verán o ensino non para, son uns meses de traballo, de planificación e execución de obras orientadas a mellorar o noso parque inmobiliario para dar un maior confort ao desenvolvemento do curso ordinario”. Ademais, salientou que este 2021 “é un ano especialmente intenso en todo o relativo ás obras que a Consellería está a desenvolver nos centros educativos”.

Actuación integral

Cun orzamento de case 1,2M€, a rehabilitación integral no Conservatorio Superior de Música de Vigo vén de ser licitada e ten como obxectivo dar resposta ás problemáticas que viñan suscitando as súas instalacións. Para resolvelas, actuarase tanto sobre o edifico do conservatorio como do auditorio. No primeiro deles cambiarase toda a carpintería exterior, mellorarase o illamento da fachada e repararase a entrada de auga en cubertas e terrazas e os efectos ocasionados pola mesma en teitos e paramento.

No caso do edificio do auditorio, está previsto mudar a cuberta e o sistema de impermeabilización, mellorar o illamento e acometer diferentes traballos de reparación. Así mesmo, mellorarase a cuberta do lucernario e cambiarase a carpintería exterior.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.

O obxectivo é deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sustentabilidade.