A Xunta fai un balance positivo do curso escolar, onde a ventilación e o uso da máscara foron clave para conter a transmisión da pandemia nas aulas
O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destaca no Parlamento que a porcentaxe de alumnos afectados pola covid foi practicamente igual en todos os grupos de idade e etapas educativas malia teren medidas diferentes
Subliña que, á diferencia doutras comunidades de España e doutros países, en Galicia a presencialidade en las aulas estivo practicamente garantida durante os dez meses lectivos
Asegura que o Goberno galego está traballando na organización do vindeiro curso, onde se contará con todos os recursos materiais e persoais que sexan necesarios
Avoga por aprender das ensinanzas que deixou a pandemia, que se aplicarán sobre todo no que atinxe á transformación dixital das aulas e ao deseño de espazos escolares ao servizo da educación de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
A Xunta de Galicia cualifica de positivo o desenvolvemento do curso escolar 20-21, logo dunha análise das distintas variables e dos datos obtidos, que confirman que as aulas non foron vectores de contaxio e que, ademais, a incidencia rexistrada foi practicamente similar en todos os grupos de idade malia estar suxeitos a medias diferentes en función das etapas.
Así pois, a ventilación e o uso da máscara -que foron comúns a todos os grupos- confírmanse como as medidas máis efectivas e eficaces na prevención da covid nos centros escolares, segundo explicou esta mañá o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, ante a Comisión 4ª do Parlamento.
Na súa intervención, Vila López fixo un balance do curso que acaba de rematar, do que dixo que “pasará a historia como un dos máis difíciles”, ao tempo que se recordará como exemplo de “organización e compromiso por parte da comunidade educativa” co cumprimento estrito dos protocolos de xeito ininterrompido durante os case dez meses lectivos.
A evidencia dos datos
O secretario xeral técnico da Consellería referiuse ás medidas “que funcionaron” como os distintos protocolos, e fixo especial fincapé nas “evidencias” que amosan os datos recabados durante todo o curso no que atinxe aos grupos de idade.
Neste senso, destacou como “especialmente significativo” que a porcentaxe de alumnado afectado pola covid “foi practicamente a mesma en todas as idades pese a que se implementaron distintas medidas en función dos niveis educativos e dos rangos de idade”, como foi a distancia de 1,5 metros en ESO, os grupos burbulla ou as mamparas ou desdobres nalgún caso. Subliñou que a ventilación e o uso da máscara, non obrigatoria aínda que recomendable en Infantil, foron as accións máis determinantes á hora de conter a pandemia nas aulas, na liña do que tamén se comprobou no resto da sociedade.
As conxunción das distintas medidas habilitadas pola Administración enfocadas á contención da transmisión foi clave para garantir a presencialidade nos centros galegos “a diferencia doutros sistemas educativos de España e do resto do mundo”, subliñou o secretario xeral técnico, que puxo en valor o traballo coordinado e a “gobernanza activa” a través do Comité Educativo -órgano asesor en temas educativos creado ex profeso na situación de pandemia- , do diálogo coas organizacións sindicais, anpas e equipos directivos dos centros, e a aportación de recursos materiais (fondo de reserva de garantía educativa ou dispositivos electrónicos para todo o que o precisara) e humanos (co reforzo do profesorado), cun investimento global de 162M€.
Aprendizaxes que viñeron para quedar
Manuel Vila tamén incidiu nas aprendizaxes da pandemia “que viñeron para quedarse”, como a aceleración da transformación dixital que a Consellería ten deseñada para os próximos anos, ou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun novo concepto de infraestruturas escolares ao servizo das novas demandas de futuro, tanto desde o punto de vista académico como sanitario ou medioambiental.
Neste contexto, o secretario xeral técnico avanzou que o departamento de Cultura e Educación do Goberno galego está xa traballando de cheo na organización do vindeiro curso escolar, preparando o protocolo xeral avalado polas autoridades sanitarias -que fixará as condicións e normas de funcionamento en función da evolución da pandemia- e deseñando a planificación dos recursos materiais e humanos que fagan falta, pese a que o Goberno do Estado aínda non concretou os fondos específicos cos que Galicia vai contar para a educación.