Román Rodríguez destaca que a Universidad Intercontinental de la Empresa cumpre coas máximas garantías esixidas pola Lei
Tras o informe favorable do Ministerio de Universidades, a Cámara galega tomou en consideración o proxecto de institución académica impulsada por Afundación
Galicia é unha das poucas comunidades que non conta cunha universidade privada, dado que a normativa galega é máis esixente que a estatal
Nos últimos anos non saíron adiante unha ducia de proxectos polas esixencias da lei autonómica
A nova universidade financiarase de xeito absolutamente privado, polo que non terá repercusión no financiamento das universidades públicas
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no debate do proxecto de Lei de recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa, que aspira a ser a primeira universidade privada de Galicia. O titular do departamento educativo da Xunta destacou que este proxecto cumpre co estipulado pola Lei 6/2013 do Sistema Universitario de Galicia (SUG), consensuada coas tres universidades públicas galegas, no referido á creación de universidades privadas. Unha normativa que esixe “moito máis que a vixente e a futura normativa estatal e desde logo sendo unha peza de referencia en España na regulación a este respecto”.
Neste sentido, o conselleiro explicou que a lei galega esixe dúas ramas de coñecemento, experiencia en xestión universitaria, programas de investigación e doutoramento, creación de bolsas para alumnado ou viabilidade financieira acreditada, entre outros aspectos. Froito desta normativa galega máis estrita, ningún da ducia de proxectos iniciais de universidades privadas presentados en Galicia saíu adiante. “Ningunha delas chegou a presentar formalmente a solicitude ao coñecer as esixencias mínimas que se lles solicitaban”, sinalou Román Rodríguez.
O representante da Xunta explicou que a creación da Universidad Intercontinental de la Empresa é un dos tres proxectos que conta co informe favorable do Ministerio de Universidades, previo a que hoxe o Parlamento debatera a súa toma en consideración.
Co aval do Goberno central e, de ser aprobada pola Cámara galega, esta institución académica sería a primeira universidade privada da nosa Comunidade. Ata o momento Galicia é unha das cinco CCAA que non conta con ningunha universidade privada, mentres que outras contan con este tipo de institucións académicas desde 1993, acadando no curso 2018/19 ata un total de 33 universidades privadas en todo o territorio español.
Respecto ao marco legal
O proxecto de creación da Universidad Intercontinental de la Empresa iniciouse no 2018, cando Afundación presentou formalmente a solicitude, seguindo todos os trámites preceptivos que establece o marco xurídico vixente. É preceptivo que, diante dunha solicitude que cumpre todos os parámetros legais, a Xunta inicie a tramitación do proxecto.
O conselleiro lembrou que o procedemento seguiu de xeito escrupuloso todas as esixencias legais –consulta pública previa e información pública do Anteproxecto de Lei, exposición no Portal de Transparencia e solicitude dos informes preceptivos– e que o propio proxecto de lei cumpre con todas as esixencias da normativa galega, ademais de contar co informe favorable do Ministerio de Universidades, acordado a finais de 2020. “É dicir, que esta universidade privada conta co aval positivo do actual Goberno de España e respecta a legalidade vixente”, destacou.
Neste sentido, sinalou ademais que o proxecto de lei de recoñecemento desta institución académica respecta o previsto na Lei do SUG no referido a que o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no sistema universitario galego.
Financiamento privado
O titular do departamento educativo da Xunta salientou, así mesmo, que a Universidad Intercontinental de la Empresa autofinanciarase dun xeito absolutamente privado, polo que “non terá incidencia algunha na dotación orzamentaria prevista no Plan Galego de Financiamento Universitario para as universidades públicas”.
Igualmente, afirmou que contará cun sistema propio de bolsas e axudas ao estudo en consideración ao expediente académicos do estudante e das súas circunstancias persoais e familiares, para o que destinará o 15% dos ingresos totais obtidos anualmente.
“Estamos, en definitiva, ante un proxecto universitario financiado por unha institución privada, que aposta polo ensino superior, e que ten unha vocación de ser útil e diversificar a oferta educativa de Galicia, sen menoscabo do bo facer das actuais tres universidade galegas”, recalcou o conselleiro.